Festival 27373

Festival de música en galego de Begonte


Deixar un comentario

11ª edición do Festival 27373

Sesión vermú

Comezaremos coa tradicional sesión vermú (ou beermú) coa presentación das cervexas oficiais do Festival: a “27373”, unha cervexa de trigo con laranxa e coriandro, moi refrescante e moi axeitada para o vrao e a “CastiñeirIPA”, unha cervexa amarga de 5 graos ben cargadiña de lúpulo e lima, ámbalas dúas cervexas son posibles grazas á colaboración dos nosos amigos de Cervexa Artesá Aloumiña. E como non pode haber unha sesión vermú de verdade sen música tradicional, teremos a honra de ter con nós ao Cuarteto Seimeira, seguramente unha das agrupacións co mellor dúo de gaiteiros do país, con iso xa o dicimos todo.

Festival de día

Pola tarde haberá o tradicional Aberto de Billarda, un dos abertos con máis tradición dos festivais galegos e un dos mellores pola beleza do entorno, por un campo de xogo inmellorable, uns premios feitos a man preciosérrimos e porque a billarda está no medio e medio do festival. Anotación no propio festival ata media hora antes de que empece o xogo.

E despois da billarda, o cun éxito inesperado, teremos unha nova edición do Campionato de serradoras da Terra Cha, con emoción, enerxía e uns bos premios

E para rematar a parte do festival máis familiar, pecharemos con Pakolas. Paco Cerdeiras é un vello coñecido do festival, pois xa estivo con Zënzar, hai xa uns anos. Mais, desta vez, volve ao noso festival, no formato rockeiro para crianzas, con “Rockeando con Ramona pequena” un espectáculo cheo de enerxía e boa música dirixido ao público familiar. ¡¡Imos mover o esqueleto a ritmo de rock!!

Festival de noite

A partir das nove e media aproximadamente, comezará o Festival de noite con tres grupos de moi diferentes estilos, pero todos coa enerxía da nosa lingua como fío condutor.

Pauliña

A encargada de abrir os concertos vai ser Pauliña. Paula Chaves é unhas das voces femininas con máis carácter e personalidade de hoxe en día. Colaborou con algún dos grupos que xa pasaron polo festival como Ruxe-Ruxe ou os mesmos Zënzar. Con tres discos publicados, De-xeneración (2018), A Malfalada (2020) e Testemuñas (2021) pode ser un deses concertos que deixe pegada no festival. O seu potente directo, mestura country, folk, rock e blues, sen dúbida, a presenza feminina do festival vai dar moito que falar.

Pepe Vaamonde grupo

Ao longo destas once edicións do Festival27373, sempre intentamos que a música tradicional estivese presente e tamén que algún dos grupos fose de preto. Nesta ocasión o Pepe Vaamonde Grupo cumpre ámbalas dúas condicións. Formado no ano 2001, o grupo é unha das referencias no panorama folk galego, polas súas coidadas composicións, arranxos impecables e unha posta en escena exquisita. Teñen publicados catro traballos discográficos; Aviouga (2002), Onde nace o vento (2005), Introterra (2010) e Nas pedras do lar (2015). Un dos gaiteiros de referencia deste país, pisa por primeira vez o torreiro do festival, ¿quen se atreve a sacar punto?

Tecor Societário

Os que sodes habituais do Festival27373 sabedes que nos presta rematar o día con música potente e cañeira. Este ano rematan a undécima edición, os Tecor Societário. Grupo formado por músicos moi experimentados que estiveron en grupos referenciais da música galega e que son quen de misturar a ledicia contaxiosa da música tradicional coa enerxía e a raiba do rock. Punk-folk con moita forza, letras reivindicativas e un directo bestial, para rematar esta undécima edición.