

O Festival de noite comezará ás 22:30 coa actuación do grupo ourensán Guezos. O nome do grupo provén do barallete, xerga dos afiadores ourensáns, e significa rapaces.
Así que, estes rapaces no ano 1999, deciden montar un grupo que, nos primeiros tempos facían unha música máis preta ao tradicional. Pouco a pouco o grupo, sen perder as raíces, vai virando cara o folk, e nos últimos traballos hai claras influencias do rock, do pop, e mesmo de estilos tan afastados como o reggae ou o ska. Como eles mesmos afirman: “Non nos importa o estilo,a sonoridade ou corrente musical, o noso obxectivo final é facer boas CANCIÓNS“.
Sempre involucrados na autoxestión e na filosofía da difusión libre dos seus traballos, os Guezos teñen publicados catro traballos.
En 2001 publican o seu primeiro traballo, titulado como o propio nome do grupo, que primeiro veu a luz como maqueta, para posteriormente ser editado como disco. No ano 2004 e despois dalgúns trocos na formación publican o segundo traballo titulado Terradentro. No 2007 publican unha especie de recompliación, con algúns temas gravados ao vivo, titulado 99-06 e que podes descargar (licenza Creative Commons) da páxina de A Regueifa nesta ligazón: Guezos 99-06. No 2009 publican Oito destinos que fai referencia aos oito integrantes do grupo, peor tamén aos temas, composicións musicais que saben onde empezan pero non van rematar. De novo o disco pódese descargar grazas á súa licenza Creative Commons na seguinte ligazón: Oito destinos de A Regueifa. No 2011 veñen de publicar o que ata o de agora é o seu último traballo, O histérico latexo, como din os de Planeta Furancho: “Pingas de todas as cores. Luminosos e comprometidos. Mestura total e con toda a calidade que a banda leva por bandeira nos seus directos. O histérico latexo leva aos Guezos de viaxe polo mundo. De dentro para fóra. Dende o centro do corazón. Música da de verdade. Música de aquí”
Se non estamos errados, os membros actuais de Guezos son: Anxo Fernández, teclado, acordeón e voz; Adrián Beiroa, voz e guitarra acústica; Roberto Reboiro, baixo eléctrico; David Quintás, guitarra eléctrica; Francisco Díaz, batería; Xabier Domínguez “Morta” e Modesto Cid “Nes”, gaita e whistle.
Para rematar unhas mostras da súa música e do seu directo, un anaco de música para que vexades o que non vos podedes perder no Festival 27373:
43.145341
-7.680204