Festival 27373

Festival de música en galego de Begonte


Deixar un comentario

Sesión vermú: Os Cans de Palleiro

A oferta musical vai empezar ben cedo cunha sesión vermú ao xeito antigo, con gaiteiros e música tradicional. Grazas ao programa Musiqueando da Área de Cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo poderemos gozar dunha sesión musical coa agrupación Os Cans de Palleiro de Rábade. Por desgraza, non fomos quen de atopar máis información do grupo, pero de seguro que haberemos de bailar e cantar con eles e, por suposto, tomar un vermú para ir quentando motores.

Advertisement


Deixar un comentario

Festival de día 2014: Non Estreses

Despois do éxito do I Descenso Popular polo río Ladra que organizou a empresa begontina Non Estreses, no Festival 27373 repetimos a experiencia do ano pasado e voltamos a ter a oportunidade de dar un precioso paseo por ese marabilloso río que é o Ladra, unha ocasión magnífica para gozar do festival e dar un paseíño en kaiak.


2 Comentarios

Festival de noite 2014: Ruxe-Ruxe

Pois chegamos á derradeira actuación do Festival de noite, coa banda de Aríns na comarca compostelá. Os potentes Ruxe-Ruxe serán os encargados de dar fin a esta terceira edición do Festival 27373.
A banda compostelá é unha das referencias no rock galego e en galego. Comprometidos politicamente, comprometidos na música de calidade con sentimento e sentido, comprometidos con todo tipo de causa que mereza o seu respecto.
O seu estilo un rock, con actitude punk e sen esquecer de onde veñen, dándolle esa personalidade e sonoridade galega.
Nestes dezaoito anos de Ruxe-Ruxe teñen publicado unha morea de discos: Ruxe-Ruxe (1999); Non temos medo (2000); A terra dos comentos (2002); Fervendo (2004); Comercial (2006); Xigantes (2008); Na fura de diante (2010); Máis Cancións sobre Toxos, Cardos e Silveiras (2012). Neste 2014 veñen de presentar o seu último traballo “Némesis”, presentado na sala Capitol en Compostela con enorme éxito.

Éxito que agardamos repitan no Festival 27373 de Begonte e que estendan a súa música, a súa enerxía e o seu compromiso por toda a Chaira…¡¡LUME!!

Ruxe-Ruxe “contra todo”.


Deixar un comentario

Festival de día: Peter Punk e o neno imperdible

Podemos dicir de Peter Punk que é un dos artistas galegos do momento e, sen risco a trabucarnos, un dos pallasos máis destacados do país, algo sen dúbida complicado, tal e como está o panorama político actual.
O seu traballo traspasa as fronteiras galegas e ten actuado en diferentes países, desde Brasil ou Arxentina, ata Italia ou Palestina. Con máis de novecentas actuacións nas súas costas, Peter Punk é o clown galego de referencia na actualidade.
Os seus espectáculos non deixan indiferente a ninguén, cheos de humor salvaxe, irreverente, traveso, incorrecto. O de Punk, non é unha etiqueta porque si, é algo que gaña a pulso en cada actuación.
No Festival de día vai representar o seu espectáculo, Peter Punk e o neno imperdible.

“¿Que lle ocorre a un pallaso cando se decata de que está neste mundo para algo máis que se erguer todos os días? Asústase…, e volve ser un pallaso…
Un músico e un artista de circo. Dous pallasos en constante reconciliación consigo mesmos, entre eles e co mundo enteiro. Un delirio nun monociclo pinchado. Diversión, música ao vivo, momentos de tensión e perigo. A importancia da dimensión humana e solidaria do clown de calidade…un espectáculo que a través do humor non esquece a solidariedade cos nenos e nenas, especialmente os que viven en situacións de conflito. Unha marca da compañía Peter Punk tan recoñecible como o seu humor gamberro e as risas que inundan as súas actuacións”

Queredes ver unha mostra do seu bo facer…pois teredes que vir a Begonte ao 27373 para velo…porque a Peter Punk hai que sentilo.


Deixar un comentario

Festival de noite 2014: Tiruleque


Seguimos co adianto da programación da III edición do 27373. O segundo grupo que vai tocar no Festival de noite é Tiruleque.

Hai xa doce anos, na primavera de 2002, nace o proxecto Tiruleque, como consecuencia das inquedanzas musicais de cinco rapaces, todos eles chegados do mundo da música tradicional pero coa intención de ir un pouco máis alá e ser capaces de crear un estilo propio e identificador. Outra das características do grupo é o seu marcado carácter festivo e festeiro, algo que queda claramente reflectido nas súas actuacións en directo.
Na actualidade o grupo está composto por: Antón Bueno (contrabaixo); Álex Fente (acordeón); Luís García (bombo, percusións e coros); Miguel Horjales (caixa, percusións e coros); Serxo Núñez (clarinete, gaita, percusións e voz); Fernando Román (saxo, clarinete e trompeta); José A. Vázquez (gaita, saxo e percusións).

A súa discografía está composta pola auto-produción de dous traballos. O primeiro en 2009, o homónimo “Tiruleque” e en 2013, o seu segundo disco, baixo o título “Mu!!“. Podes escoitar os dous traballos en Spotify

Nestes doce anos, Tiruleque pisou os máis importantes escenarios e festivais da música folk como, por exemplo, Ortigueira, Lorient, A Rebusca en Manzaneda, Festival do Castro e un longo etcétera. Esta mesma semana volverán ao Festival de Ortigueira participando no escenario Runas, intentando conseguir un posto no escenario grande da edición do vindeiro ano.

Unha mostra da súa música, este “Rachapistas” tocado nas festas do San Froilán en Lugo.

TIRULEQUE – Rachapistas (Festas de San Froilán 2012) from Tiruleque on Vimeo.


Deixar un comentario

Festival de día 2014: Branca Villares

10271228_755827957802492_8424190653924743577_o¡Que imos dicir nós de Branca Villares!
Quizais que troque a súa residencia e se faga cidadá chairega e se veña a vivir a Begonte.

Agora en serio, é un pracer enorme ter por segundo ano a Branca Villares no Festival de día. Unha mestra da nosa música tradicional que hai uns días triunfaba coas Eudemónicas compartindo escenario con Kepa Junquera e que no noso festival poñerá, con esa tenrura e ese bo facer que a caracteriza, a cantar e bailar aos máis pequenos. Nenos e nenas que gozarán dunha xornada arredor da nosa música e as nosas tradicións. Sen dúbida unhas das razóns para non perderse o Festival de día e unha moi boa escusa para achegarse o sábado nove ata o Club Fluvial de Begonte.

Unha lembranza do que foi o seu paso polo festival do ano pasado.


Deixar un comentario

Festival de noite 2014: Milesios

milesiosComezamos a desvelar a que será a terceira edición do Festival 27373 de música en galego de Begonte. O grupo que abrirá as portas do Festival de Noite nesta edición de 2014 será o grupo chairego-lugués Milesios.

Hai xa cinco anos, no verán de 2009, nace Milesios grazas ao interese dos seus compoñentes por interpretar música de raíz galega e irlandesa. Desde aquel 2009 pasaron por escenarios de toda a xeografía galega, desde actuar no Proxecto Runas de Ortigueira, pasando por Pardiñas, Rabafolc, Festival da Chaira, San Froilán ou recentemente no ciclo de música Lubicán en Lugo.

Milesios_maqueta
No ano 2011 publicaron unha preciosa maqueta con cinco temas, que acabaría culminado no ano 2013 coa publicación do seu primeiro e, ata o de agora, unico disco, titulado Alén mar, cunha estética e unhas fotografías moi coidadas e varias colaboracións ben coñecidas. O disco podes escoitalo en Spotify

Na actualidade, Milesios está formado por: Nazaré Guerreiro (pandeireta e voz); Paula Veiga (violín); Manuel Mª Veiga (baixo, bouzouki e mandolina); O Moucheiro (guitarra, bouzouki e voz); Senén Montero (percusión e voz) e Xesús Villarino (gaitas, frautas e ocarina).

Como mostra esta Muiñeira de Calvos na súa actuación no San Froilán 2013.

Artigo editado o 13/07/2014