A novena edición do Festival 27373 xa está aquí e contra todo prognóstico, porque debido ás condicións sanitarias non se decidiu facer esta edición ata o último momento. Agradecer ao Concello de Begonte e ao Club Fluvial todas as facilidades para poder sacar adiante o festival.
A diferenza doutros anos o festival suprime a xornada nocturna e todas as actividades serán polo día. Ademais tanto nos concertos como na billarda hai protocolo COVID de obrigado cumprimento e aforo limitado, polo que cómpre reservar entradas nos concertos e praza na billarda.
Comezaremos coa sesión vermú, amenizada nesta ocasión pola Foliada de Bosende, dentro do programa Musiqueando da Deputación de Lugo. Este grupo xa son vellos coñecidos pois puidemos gozar delas nalgunha das foliadas que se viñan facendo no Castro. Nesta ligazón podedes ver, precisamente, unha das súas pezas daquela foliada. E por suposto, non faltará á sesión beermú, un dos clásicos, a cervexa da boa, a cervexa artesá dos amigos de Aloumiña.
Pola tarde terá lugar o IX Aberto de billarda, un dos eventos máis esperados e con máis fieis seguidores. Este ano, baixo protocolo COVID e aforo limitado, volverán zoar os paláns e voar as billardas polos ceos da Chaira. Ás seis media darán comezo os concertos, ambos con aforo limitado. o primeiro grupo en aparecer será Troupelear, dos nosos benqueridos Branca Villares e Pablo Pintor. Deixamos unha mostra do que fan neste precioso vídeo de O Xeito.
E rematarán esta versión reducida do Festival 27373, Acordeireta, formado por Patricia González e Alejandro Balbuena, presentando o seu traballo Loitar cantando, música tradicional con sabores reivindicativos. Velaí vai un petisco do seu facer.