Festival 27373

Festival de música en galego de Begonte


Deixar un comentario

Festival de noite 2016, Tanto Nos Ten

 

Con case dez anos andando de foliada en foliada, de festa en festa, chegan desde Redondela para encher de boa música e ambiente festeiro o escenario do 27373, non se nos ocorre mellor xeito de rematar o festival que facelo con Tanto Nos Ten.

Nas súas propias palabras, Tanto Nos Ten, defínense como “un grupo de música da Galiza que empregamos no noso repertorio músicas e letras propias e do saber popular, retranqueiras, de escarnio e comprometidas co país, e que, xunto aos pasodobres, muiñeiras, foliadas, rumbas e outros ritmos bailables, conforman o que denominamos, música tradicional furtiva coa que tratamos de interactuar coa xente, e converter nunha festa cada unha das nosas intervencións, tanto de rúa como de palco”.

Os integrantes do grupo son: Natalia Gómez (pandeireta, cunchas, voz); Manuel Cruces (gaita, frautín e voz); Alvaro Cardalda (acordeón e voz); Josinho da Teixeira (tambor, voz e parrafeos varios) ; Xurxo Terrible (clarinete, gaita, requinta e voz) e Lucía Lorenzo (bombo e voz). Teñen dous traballos publicados Tanto Nos Ten e Entre Néboas.

Advertisement


Deixar un comentario

Festival de noite 2016, O Leo i Arremecághona

Hai case vinte anos que un tal Leonardo Fernández pasa a converterse en O Leo, unha personaxe vital dentro do panorama da música en galego. O Leo é cantante, pero tamén actor, poeta e home espectáculo. As súas presenzas no escenario son algo máis que música, cun humor negro e unha retranca envexable é capaz de facer unha disección da realidade que nos toca vivir, facendo versións de coñecidos temas ou temas de creación propia, con innumerables cambios de rexistro, vestiario ou estilos. O Leo é un tipo inclasificable, o mesmo que a súa música e o seu espectáculo. De seguro que non vai deixar a ninguén indiferente.


Deixar un comentario

Festival de noite 2016, Habelas Hainas

É no 2009 cando se cruzan os camiños destas catro mulleres de ampla traxectoria no mundo da música tradicional, para crearen o proxecto “Habelas Hainas”. Coas mesmas inquedanzas musicais e vitais, forman un quebracabezas onde os catro elementos se xuntan e complementan de xeito persoal.

Compostela é o decorado onde se dá a luz o proxecto que, dunha forma directa, conecta coa xente de a pé en rúas, calexas, prazas, locais e escenarios. O seu punto de partida é a música tradicional e de raíz, sentíndose parte dunha tradición longa e viva da que xorde a natural necesidade de expresárense, sempre dende unha ollada feminina e plural. Isto lévaas a explorar outras músicas, crear os seus propios temas e experimentar coa tradición. Esta permanente inquedanza reflíctese na indagación e aproveitamento dos diferentes recursos dos instrumentos tradicionais, creando un son enérxico, fresco e orixinal.

Arantza Alfaia (tamboril, bombo, darbuka, caixón flamenco); Jara Ortiz (voz, bombo, pandeireta, crótalos árabes); Patricia Gamallo (gaita, saxo alto, pandeiro) e Sandra Tamayo (acordeón, gaita, pandeiro), catro mulleres loitadoras e bravas, comprometidas coa defensa cultural do noso país, coa defensa dos desfavorecidos, loitadoras pola igualdade, feministas e grandes artistas. Foron o primeiro cuarteto feminino en tocar no Entroido de Hío e teñen actuado en case todos os grandes festivais deste país: A Chaira, Terra Brava, Antrospinos, A Rebusca, Festigal, Pardiñas… Por fin, van tocar no 27373, un deses grupos que sempre estiveron na nosa mente para tocar en Begonte, un soño cumprido.

 


Deixar un comentario

Festival de día 2016, Desastronauts “Máis alto aínda”

Desastronauts xa pasaron polo noso festival e deixaron algún que outro corazón ferido e é que este dúo circense fai as delicias de maiores e novos, pero non dos enfermos do corazón. E desta volta as sensacións van ser máis fortes co seu novo espectáculo, “Máis alto aínda: Unha muller forte, intelixente, atractiva e divertida topa cun home… Estúpido. El ha facer o que sexa para estar con ela, e ela fará todo o posible por escapar. Ela é dona de si mesma, el é infantil. Veremos como a súa loita frenética vaise intensificando a medida que atopan un trapecio de balanceo, cordas aéreas e un aro de lume”

Raquel Veganzones e Girisho Gordon formaron a compañía Circo Expreso no 2004 en Londres, e pasan a chamarse Desastronauts en 2011 tras a creación de “Losing Grip”. Co seu espectáculo “Too High” estiveron de xira co circo británico Happy’s Circus, actuaron na Convención Nacional de Malabares en Crawley 2004, participaron no Festival de Glastombury e en varios cabarés de circo en Londres. Hai uns anos que se trasladaron a España onde debutaron co espectáculo de rúa “Calleret” en Compostela e en distintas programacións de Galicia. A partir de aquí toman como base Compostela onde crean “Un día de Praia”, co que xiran por innumerables teatros e rúas galegas en solitario e en programacións de Culturactiva como Pistactiva e Ruactiva. Ata que en 2010 son bolseiros dun programa da Unión Europea como uns dos mais importantes talentos do continente e sae á luz un novo traballo que dá un novo xiro á súa carreira. “Losing Grip”: unha obra na que a acción ten lugar no aire en todo momento, arriscada, anovadora, orixinal e chea de calidade. Un traballo creado en España, Francia e Inglaterra colaborando con algúns dos máis importantes maestros da especialidade. Un auténtico luxo para o noso festival e para Begonte.

 


Deixar un comentario

Festival de día 2016: Sesión Vermú (beermú) con Pingarela e Aloumiña

Pingarela é un grupo que fai música tradicional, cun repertorio, fundamentalmente, baseado en pezas da provincia de Lugo e tamén de autores que crearon música para este tipo de formacións.
Os compoñentes de Pingarela son ben coñecidos na música tradicional da provincia, pois todos eles forman parte do grupo Os Miñotos, que xa tivemos a honra de ter noso festival en edicións anteriores. Carme, Xaneco, Vítor e Alberto vannos facer bailar na sesión Vermú gracias ao Programa Musiqueando pola provincia de Lugo da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

Sesión Vermú ou beermú se decidides acompañala cunha boa cervexa artesá de Lugo, grazas á colaboración de Aloumiña, que una no máis estará dando de beber aos sedentos e sedentas do Festival.

pingarela

IV_Festival27373-21


Deixar un comentario

Festival de día 2016: Bolboreta Fiandeira

Bolboreta Fiandeira

O ano pasado, elas quedaron encantadas co noso festival e nós con elas, así que non quedaba outra que repetir experiencia. Bolboreta Fiandeira é unha asociación cultural, sen animo de lucro, feita para recuperar o vello oficio de fiar a lá e o liño que, ademais, conta cun grupo de música e canto tradicional. Un pracer enorme contar con elas no noso festival.
 

IV_Festival27373-16//