“Dende a Galiza máis profunda e remota chega a Familia Caamagno disposta a manter e perpetuar as súas raíces italoamericanas. Mesturando o garaxe, o blues, a empanada de polbo, os spaguetti bolognesa, a proba dos rixóns, o rhythm and blues, o punk, o sexo nas obras, a hixiene persoal e a extorsión con swing, pretenden facer bailar a todos os que se acheguen ás súas galas. Aínda que non queiran“…pois iso. Rock’n’roll clásico e moito son sesenteiro, con pingas de blues ou garaxe rock, letras retranqueiras co moito acento galego.
Familia Caamagno son Manuele Caamagno(voz e saxofón), Jess Caamagno (guitarra de punteo), Francesco Caamagno (guitarra de ritmo e coros), Lano Caamagno (guitarra baixa) e Toni Caamagno (batería e coros). Teñen tres discos publicados, Familia Caamagno (2012); Cantan polo Nadal (EP, 2012); Hai que andar cos tempos! (2014) e son un dos grupos revelación deste 2015 e que pecharán esta cuarta edición do Festival 27373.