Festival 27373

Festival de música en galego de Begonte


Deixar un comentario

Alá foi a quinta edición…

Despois duns cantos días de merecido descanso voltamos para facer un pequeno resumo do acontecido nesta quinta edición que, para moitos dos que estivemos alí, foi unha das máis bonitas. Se cadra o estilo deste ano, potenciando as actividades de día e facendo os concertos máis cedo e noutro formato máis pequeno, pero tamén, moito máis cercano, sexa o futuro do #Festival27373.
O día foi perfecto, con moita calor, pero que a carón dese río Ladra e nesas instalacións espectaculares do Club Fluvial de Begonte foi moi levadeiro e daba gusto gozar dos postos de artesanía e das asociacións que se achegaron para presentar os seus proxectos e as mulleres de Bolboreta Fiandeira xa estaba coas súas demostracións de fiado, que duraron todo o día.

Festival27373-26 Festival27373-25

Festival27373-34

Pola mañá o cuarteto Pingarela, grazas ao programa Musiqueando da Deputación de Lugo, amenizou a sesión vermú, que foi máis “beermu” que nunca. Coas súas xotas, pasodobres e muiñeiras puidemos gozar dos catro estilos diferentes de cervexa artesá que trouxo para o festival Cervexas Aloumiña.

Festival27373-2 Festival27373-5

Despois do xantar, o V Aberto de Billarda acaparou moita atención e houbo unha grande participación, levado de xeito impecable polo compañeiro billardeiro, Victor Chousa. Os gañadores foron Victor Chousa, Xan de Madialeva e Chousa pequeno. Agradecer a Cervexa Artesá Aloumiña e a Panadería Chairega a súa achega para os premios.

Festival27373-36 13921161_905038119640376_910483132346861998_n

Case á mesma hora tivemos ocasión de gozar co grandioso espectáculo de  Desastronauts, acrobacias no aire, xogos con lume e unha historia de amor/desamor nas alturas. Un auténtico luxo poder contar con este dúo no festival.

Festival27373-41 Festival27373-42

Á tardiña, comezou o Festival de noite. Abriron Habelas Hainas, catro mulleres bravas e comprometidas que deron unha lección de compromiso e calidade. Para este que escribe, un pequeno sono cumprido (¡¡grazas mozas!!)

Festival27373-49 Festival27373-51

Sinónimo de festa

e de compromiso tamén,

non deixamos de bailare

con Tanto Nos Ten“.

Festival27373-12 Festival27373-11

E de remate, o inclasificable e único Leo i Arremecághona que deu un concerto e unha actuación inesquecible.

Festival27373-19 Festival27373-17

Para rematar, queremos agradecer a todos os socios e socias de Castiñeiro que traballaron arreo para organizar este Festival e que ese día botaron dúas mans para que todo saíra o mellor posible, somos poucos, pero somos bos e xenerosos. Aos nenos e nenas que estiveron todo o día vendendo produtos de Castiñeiro, fixeron unha labor impresionante e cada vez están máis implicad@s no festival, son a semente. A todas as artesás que lle dan vida e cor ao Festival (algún incluso desde Andalucía), sen as vosas creacións e as vosas gañas, non sería o mesmo. Ás dúas asociacións que viñeron a explicar os seus proxectos, Semente Lugo e Fundación Manuel María, un orgullo a vosa presenza. A Victor Chousa por todo o que traballou para sacar adiante o Aberto de Billarda. A Panadería Chairega e Cervexa Aloumiña, por contribuír aos premios da billarda. A todos os grupos e artistas polo seu bo facer e por intentar facilitar as cousas todo o posible, igual que aos técnicos de Escóitame e Fábrica de Sons. A Alquifer Ceao e Lito. E, por suposto, ao Club Fluvial de Begonte por deixarnos esas marabillosas instalacións. Tamén á parte institucional, o Concello de Begonte e a Deputación de Lugo. E por riba de todo, a toda a xente que vos achegades ata o noso/voso Festival, grazas por vir.
Esta edición rematou…en breve, a traballar na sexta edición.

¡¡Viva a nosa cultura, viva a música galega e viva o #Festival27373!!

 

PD: como sempre nestes casos, agardamos non termos esquecido de ninguén. Se así fora, pedimos desculpas sinceras.

Todas as fotos pódense ver na seguinte ligazón: Fotos da V edición do #Festival27373

Advertisement