Isabel Risco no Festival 27373, presentando de xeito único e irrepetible aos Zënzar e aproveita para falar da Liga Nacional de Billarda (LNB) do Castiñeiro Milenario, de Almanzor e do que faga falta. Remata o vídeo cun cachiño da actuación de Zénzar con Carlos Gende, mais as cousas da tecnoloxía é o que teñen e se se acaba o espazo na tarxeta, non se pode seguir gravando, unha mágoa.
Monthly Archives: Agosto 2013
A das festas con Guezos no II Festival 27373
Temazo para bailar e saltar este “A das festas” dos Guezos.
Nota de Castiñeiro Milenario: pedimos desculpas polo malo son do vídeo, a gravación orixinal nosa non da para moito máis (a pesares de traballar sobre ela un montón de tempo non hai maneira de arranxar un son deficiente de partida), pero pensamos que, a pesares disto, tiñamos que subilo de igual xeito.
Valseando con Os Minhotos
Unha das cancións máis fermosas do noso abondoso repertorio tradicional é O Valse do Miro e Os Minhotos interpretarono na noite do Festival 27373.
Bailando con Branca Villares
A pesares de anuncialo como obradoiro de percusión, a idea era a de facer xogos musicais e rítmicos cos nenos e nenas que se achegaran pola tarde, e de non haber pequenos facer algo cos máis maiores. Sabemos que iso provocou certos malos entendidos e que a pobre Branca o pasara un pouco mal con este obradoiro, pero ao final e a pesares do pouco tempo que tivo, foi quen de coller un grupiño e poñelo a bailar e cantar, moi ben apoiada por eses músicos “espontáneos”.
Unha foliada ao vivo de Tonecho Castelos e Pablo Esqueira
Nun concerto adicado aos máis novos e que gozamos moitísimo os maiores, nun marco incomparable a carón do río Ladra.
Fotos do Festival de noite
Algunhas fotos do Festival de noite.
Os Minhotos.
Podes ver máis fotos do seu concerto no álbum Os Minhotos en Flickr.
Guezos
Máis fotos do concerto no álbum de Guezos en Flickr.
Zënzar
Máis fotos da actuación dos Zënzar e colaboradoracións no álbum de Flickr.
Fotos do Festival de día
Algunhas fotos do Festival de día.
Animación polo día. Unha morea de xente comendo nas instalacións do Club Fluvial de Begonte.
A sesión vermú estivo amenizada de xeito fantástico polo grupo de música tradicional Arandela.
Tonecho Castelos e Pablo Esqueira, no fermoso concerto que nos regalaron e como se pode ver na foto, nun entorno incomparable.
Branca Villares e o seu obradoiro no que puxo a todo o mundo a bailar.
Para rematar a sesión fotográfica o espectáculo dos Desastronauts. Mágoa que non teñamos ningunha foto dos aéreos…
Unha actividade que concentrou a unha morea de xente foi o aberto de Billarda da que tampouco temos fotos, agás a da entrega de premios.
Podes ver todas as fotos da xornada na seguinte ligazón de Flickr: Festival de día.
Rematou o II Festival 27373. Grazas a tod@s
Pois rematou a II edición do Festival 27373 de Begonte. O sábado foi a culminación de meses de traballo, de semanas de estrés, de facer centos de chamadas, de mandar miles de “guasaps” e infinidade de reunións para ir concretando todas as actividades que tiveron lugar nesta segunda edición. Facer un festival destas características non é tarefa doada, máis para unha asociación pequeniña como a nosa, así que isto so se pode facer con moito traballo e a ilusión inesgotable, dun feixe (moi pequeno) de persoas, empeñadas en sementar cultura no noso concello. Desde Castiñeiro Milenario queremos agradecer o apoio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, sen a súa colaboración sería practicamente imposible levar adiante este proxecto. Temos que agradecer ao Concello de Begonte, o seu apoio económico e de infraestruturas, aínda que un pouco máis de apoio institucional ao acto cultural máis grande que se celebra neste concello sería benvido. Como non, ao Club Fluvial de Begonte por ceder esas marabillosas instalacións que impresionaron a tódolos asistentes ao festival, oxalá esta colaboración poda seguir medrando cara o futuro, porque gañaremos todos, o Festival, o Club e o propio concello.
Mais os agradecementos principais teñen que ir a esas persoas que traballaron arreo estes últimos meses, principalmente a nosa presidenta, Mar Prado, que consegue transmitir esa ilusión aos que estamos ao seu carón e a María Pardo que fixo un traballo absolutamente impresionante. Como non ao resto dos que traballamos nisto: Ángel, Carlos, Eliseo, Mari e Nuria. Tamén a Pablo, incansable o fin de semana do festival; a Eugenio, Kenya e o resto da xente do Club Fluvial pola súa implicación e axuda. Por suposto, ao noso deseñador de cabeceira, Marcos Vigo, que fixo un cartaz que so levou louvanzas de todo o mundo. A Ernesto de Non Estreses, a ese nenos e nenas, futuros castiñeiriños, que se implicaron na venta de cousas do Castiñeiro (Alejandro, Alicia, Aloia, Daniel, Daniela e Sabela). Ás artesás que viñeron a mostrar a súa creatividade. A Un mundo aparte, quen dixo que o punk estaba morto?
Agradecer a tódol@s artistas que pasaron por Begonte este fin de semana: ao grupo Arandela, que fixo unha sesión vermú memorable; a Tonecho Castelos e Pablo Esqueira, por un concerto dunha calidade musical extraordinaria, case máxico nese entorno tan fantástico; a Branca Villares, porque apesares dos nosos erros ao programar o seu obradoiro, ela cumpriu con creces a súa parte e rematou a festa por todo o alto; a Desastronauts, por case conseguir paralizar algún corazón co seu incrible traballo desde as alturas; a Tonho Randeeira, por acercarnos aos seus billardeiros e conseguir que unha morea de xente se interesara por ese deporte tan noso e que semella ir recuperándose pouco a pouco; a Bea Bugalho, por ese traballo escuro e complicado; a Isabel Risco porque simplemente é xenial como persoa e como artista; a Os Minhotos, por un concerto precioso e cheo de tradición; aos Guezos, porque a pesar de tódolos contratempos, enriba do escenario souberon estar a altura; aos Zënzar e convidados (Lydia, Carlos e Ares), porque parece mentira que despois de 25 anos aínda segan tendo tanta enerxía e a transmitan dese xeito tan bestial. Tamén ás asociacións culturais que se achegaron ata o festival: Cultura do País, Gaiteiros Galegos, Mádia Leva, O Varal, e Xermolos.
Tamén destacar, seguramente, a unha das partes máis importantes de calquera festival, a xentiña que nos deu comer e beber, o incrible traballo dos Mádia Leva, tanto a nivel gastronómico como humano, moi boa xente, sen dúbida; a Raquel e Ana por eses doces (por deus, esa bica de roxóns merece un premio) e a Itadakimas por darlle ese punto exótico ao Festival e esa sopa de miso que á noite foi un auténtico reconstituínte.
E para ir rematando agradecer a toda a xente que se achegou ata Begonte o sábado e gozou dunha xornada de cultura e diversión nunha paraxe impresionante. Só unha pega, veciñanza de Begonte, non esperedes a vir ao voso festival cando sexa famoso ou non vos lamentedes cando deixe de existir, agora é o momento de apoialo, de asistir e de gozar dun día especial no voso concello.
Unha aperta a tod@s e ata o ano que ven: ¡Lume!
Festival de día 2013: Sesión vermú con Arandela
Hai uns anos uns rapaciños de A Cruz do Incio iniciaron unha viaxe pola música tradicional nunhas actividades fóra da escola, unha viaxe na que seguen arreo, e que este fin de semana veñen a Begonte, para recuperar algo que nunca deberiamos ter perdido, a auténtica sesión vermú galega, Para isto que mellor que o grupo Arandela, música do país feita con ánimo de festa por cinco rapaces que empezaron hai moitos anos nisto da música tradicional e que seguen a espallar diversión, ledicia e festa, moita festa.
Arandela está formado por Breogán Rodríguez (gaita); Álvaro Moscoso (gaita); Diego Sampedro (acordeón); Asier Maceda (tamboril) e Gael Núñez (bombo).
Como mostra este vídeo dos Arandela nas festas en Castro.
Vídeo subido por Yoli
Festival de noite 2013: Isabel Risco
A actriz Isabel Risco será a encargada de facer as presentacións dos grupos no festival de noite, terá a tarefa de facer divertido ese espazo tan complicado de encher que é o troco dos grupos, mais nesta ocasión, de seguro que haberemos de pasar un rato ben divertido. Isabel Risco é graduada en Pedagoxía Teatral e na súa formación profesional tivo un bo feixe de mestres, desde John Wright ata Leo Bassi, e a súa versatilidade fixo que traballara como cómica, presentadora de galas e por suposto como actriz. Son ben coñecidos os seus traballos na TVG, en series como Padre Casares, A vida por diante, O Nordés ou en programas como Land Róber, Air Galicia, O show dos Tonechos ou Luar. Nos últimos tempos destacan os seus traballos como monologuista, onde explota a súa vea cómica, a súa retranca, a súa visión do país e esa enerxía creativa que desprende no escenario a feixes. O que escribe tivo a fortuna de gozar do seu espectáculo e non parar de rir coa súa caracterización como “Nabiza Girl“, esa superheroína cun fouciño na man, que explota os tópicos como ninguén. En definitiva, que contaremos cunha mestra de cerimonias excepcional para dar o toque de humor neste Festival 27373.
Un exemplo do seu facer no programa Air Galicia da TVG.
Vídeo subido por Patxi muguerza