
Pois rematou a II edición do Festival 27373 de Begonte. O sábado foi a culminación de meses de traballo, de semanas de estrés, de facer centos de chamadas, de mandar miles de “guasaps” e infinidade de reunións para ir concretando todas as actividades que tiveron lugar nesta segunda edición. Facer un festival destas características non é tarefa doada, máis para unha asociación pequeniña como a nosa, así que isto so se pode facer con moito traballo e a ilusión inesgotable, dun feixe (moi pequeno) de persoas, empeñadas en sementar cultura no noso concello. Desde Castiñeiro Milenario queremos agradecer o apoio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, sen a súa colaboración sería practicamente imposible levar adiante este proxecto. Temos que agradecer ao Concello de Begonte, o seu apoio económico e de infraestruturas, aínda que un pouco máis de apoio institucional ao acto cultural máis grande que se celebra neste concello sería benvido. Como non, ao Club Fluvial de Begonte por ceder esas marabillosas instalacións que impresionaron a tódolos asistentes ao festival, oxalá esta colaboración poda seguir medrando cara o futuro, porque gañaremos todos, o Festival, o Club e o propio concello.
Mais os agradecementos principais teñen que ir a esas persoas que traballaron arreo estes últimos meses, principalmente a nosa presidenta, Mar Prado, que consegue transmitir esa ilusión aos que estamos ao seu carón e a María Pardo que fixo un traballo absolutamente impresionante. Como non ao resto dos que traballamos nisto: Ángel, Carlos, Eliseo, Mari e Nuria. Tamén a Pablo, incansable o fin de semana do festival; a Eugenio, Kenya e o resto da xente do Club Fluvial pola súa implicación e axuda. Por suposto, ao noso deseñador de cabeceira, Marcos Vigo, que fixo un cartaz que so levou louvanzas de todo o mundo. A Ernesto de Non Estreses, a ese nenos e nenas, futuros castiñeiriños, que se implicaron na venta de cousas do Castiñeiro (Alejandro, Alicia, Aloia, Daniel, Daniela e Sabela). Ás artesás que viñeron a mostrar a súa creatividade. A Un mundo aparte, quen dixo que o punk estaba morto?
Agradecer a tódol@s artistas que pasaron por Begonte este fin de semana: ao grupo Arandela, que fixo unha sesión vermú memorable; a Tonecho Castelos e Pablo Esqueira, por un concerto dunha calidade musical extraordinaria, case máxico nese entorno tan fantástico; a Branca Villares, porque apesares dos nosos erros ao programar o seu obradoiro, ela cumpriu con creces a súa parte e rematou a festa por todo o alto; a Desastronauts, por case conseguir paralizar algún corazón co seu incrible traballo desde as alturas; a Tonho Randeeira, por acercarnos aos seus billardeiros e conseguir que unha morea de xente se interesara por ese deporte tan noso e que semella ir recuperándose pouco a pouco; a Bea Bugalho, por ese traballo escuro e complicado; a Isabel Risco porque simplemente é xenial como persoa e como artista; a Os Minhotos, por un concerto precioso e cheo de tradición; aos Guezos, porque a pesar de tódolos contratempos, enriba do escenario souberon estar a altura; aos Zënzar e convidados (Lydia, Carlos e Ares), porque parece mentira que despois de 25 anos aínda segan tendo tanta enerxía e a transmitan dese xeito tan bestial. Tamén ás asociacións culturais que se achegaron ata o festival: Cultura do País, Gaiteiros Galegos, Mádia Leva, O Varal, e Xermolos.
Tamén destacar, seguramente, a unha das partes máis importantes de calquera festival, a xentiña que nos deu comer e beber, o incrible traballo dos Mádia Leva, tanto a nivel gastronómico como humano, moi boa xente, sen dúbida; a Raquel e Ana por eses doces (por deus, esa bica de roxóns merece un premio) e a Itadakimas por darlle ese punto exótico ao Festival e esa sopa de miso que á noite foi un auténtico reconstituínte.
E para ir rematando agradecer a toda a xente que se achegou ata Begonte o sábado e gozou dunha xornada de cultura e diversión nunha paraxe impresionante. Só unha pega, veciñanza de Begonte, non esperedes a vir ao voso festival cando sexa famoso ou non vos lamentedes cando deixe de existir, agora é o momento de apoialo, de asistir e de gozar dun día especial no voso concello.
Unha aperta a tod@s e ata o ano que ven: ¡Lume!