Festival 27373

Festival de música en galego de Begonte


Deixar un comentario

Festival de día 2019

Xa está aquí a oitava edición do Festival 27373 de música en galego de Begonte.
O Festival de día vai dirixido a un público infantil e familiar, fomentando o espírito das antigas romarías e con actividades e actuacións dirixidas ás familias.

Paseos en canoa

Unha das fortalezas do noso festival é a contorna onde se realiza, as marabillosas instalacións do Club Fluvial de Begonte e a preciosa contorna do río Ladra. Non se nos ocorre mellor xeito, grazas á colaboración coa empresa begontina Non estreses, de gozar desta natureza que dando un paseo en canoa e ver desde o propio río a natureza tan fermosa que temos.

Bolboreta fiandeira

Outra das actividades clásicas do festival é a presenza das amigas de Bolboreta Fiandeira, amosando as súas habilidades no fiado da la e o liño. Un pracer contar un ano máis coa súa presenza no Festival.
bolboreta_6

Sesión Vermú con A.C. Fonte de Merlán

Para rematar a mañá teremos, como sempre, unha sesión vermú moi tradicional grazas á presenza dos amigos da Asociación Cultural Fonte de Merlán que veñen desde A Ulloa grazas ao Programa Musiqueando da Deputación de Lugo. Algúns dos compoñentes son ben coñecidos nas Foliadas que organizamos ao longo do ano. Un enorme pracer telos no Festival.

Presentación dunha nova cervexa no Festival

Sabedes da nosa debilidade pola cervexa artesá. Mais aínda se está feita preto, nas instalacións dos nosos queridos amigos de Cervexa Artesá Aloumiña. Este ano ademais da, xa clásica, cervexa oficial do festival, a 27373, teremos a oportunidade de probar a nosa nova creación: “Castiñeiripa”. Unha cervexa amarga con catro maltes, tres lúpulos e un toque a lima ecolóxica da Mariña. Fixemos 40 litros, que só poderás probar no Festival.

8º Aberto de Billarda

A partir das catro da tarde arranca unha das actividades máis agardadas e que máis público atrae, o 8º Aberto de Billarda. Outro ano máis contaremos con billardeiros e billardeiras que farán zoar os paláns nas instalacións do Club Fluvial de Begonte. Un ano máis contaremos coa inestimable axuda de Chousa e Ismael de Outeiro da Asociación O Varal para levar a cabo dita actividade. Como todos os anos haberá premios para os gañadores ou gañadoras.

O Festival tamén pretende ser unha xanela para que outras organizacións poidan explicar os seus proxectos, polo que contaremos coa presenza de asociacións como Adega, Semente Lugo, Mulleres Bravas…

Advertisement


1 comentario

Festival de día 2018

Comezamos a debullar o que vai ser a sétima edición do Festival 27373 de música en galego de Begonte.
O Festival de día vai dirixido a un público infantil e familiar, fomentando o espírito das antigas romarías e con actividades e actuacións dirixidas ao goce en familia.

Paseos en kaiaks

Unha das fortalezas do noso festival é a contorna onde se realiza, as marabillosas instalacións do Club Fluvial de Begonte e a preciosa contorna do río Ladra. Non se nos ocorre mellor xeito, grazas á colaboración coa empresa begontina Non estreses, de gozar desta natureza que dando un paseo en canoa e ver desde o propio río a natureza tan fermosa que temos.

Bolboreta fiandeira

Outra das actividades clásicas do festival é a presenza das amigas de Bolboreta Fiandeira, amosando as súas habilidades no fiado da la e o liño. Un pracer contar un ano máis coa súa presenza no Festival.

Sesión Vermú con A.C. Río Miño

Para rematar a mañá contamos cunha apetecible sesión vermú que correrá a cargo da Asociación Cultural Río Miño de Portomarín dedicada a recuperar a música e o baile tradicional.
Aquí unha pequena mostra, algo antiga, do que fan.

Presentación da cervexa do Festival

E nada mellor que tomar a cervexa oficial do Festival para redondear esta prometedora mañá. A Festival 27373 é unha cervexa de trigo, con laranxa e coriandro, de sabor suave e cítrico e moi, moi refrescante, ideal para eses días calorosos do verán. Unha nova colaboración co noso mestre cervexeiro particular, Alberto Curiel de Cervexa Artesá Aloumiña.

7º Aberto de Billarda

A partir das cinco da tarde arranca unha das actividades máis agardadas e que máis público atrae é o Aberto de Billarda, un ano máis contaremos con billardeiros e billardeiras que farán zoar os paláns nas instalacións do Club Fluvial de Begonte. Un ano máis contaremos coa inestimable axuda de Chousa e Ismael de Outeiro da Asociación O Varal para levar a cabo dita actividade.

Colorín Colorado

Tamén ás cinco da tarde a asociación vilalbesa Colorín Colorado vai facer actividades para nenos e nenas. Unha das actividades será a dos xogos populares nas que os máis cativ*s aprenderán a xogar con cousas básicas, sinxelas pero moi divertidas, e despois de tanta actividade, algo máis relaxado como un pequeno obradoiro de arxila, para aprender a traballar coas mans e desenrolar a imaxinación.


Deixar un comentario

Festival de día 2017: Sesión Vermú (ou “beermu”) con Son de Lugh e Aloumiña


Son de Lugh é un grupo formado alá polo 2013, cunha implicación especial en poñer a nosa música tradicional en festas de recreación histórica ou castrexa. As súas gañas de festa son moi contaxiosas, así que ídevos preparando porque non imos parar de bailar na sesión Vermú. Esta actuación está dentro do Programa Musiqueando pola provincia de Lugo da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

Sesión Vermú ou beermú se decidides acompañala cunha boa cervexa artesá de Lugo, grazas á colaboración de Aloumiña, que un ano máis estará dando de beber aos sedentos e sedentas do Festival. Ademais, este ano teremos unha grande sorpresa: a presentación dunha nova cervexa, exclusiva do Festival 27373, grazas á colaboración de Aloumiña e Castiñeiro Milenario. Unha cervexa de trigo e laranxa, lixeira e moi fresquiña, ideal para un día como o do Festival 27373.


Deixar un comentario

Fotos do Festival de día 2015

Marabilloso o Festival de día deste 2015. Comezamos coa chegada dos artesáns e da AC Bolboreta Fiandeira que puxeron o listón ben alto coa súa arte no fiado acompañadas de boa música tradicional. Seguimos cunha sesión vermú memorable, cuns Airiños da Freba pletóricos que conseguiron poñer a bailar a máis de un, dentro e fóra da barra do Bar do Castiñeiro, incluso chegaron ata facer unha sesión post-vermú… Pola tarde a AC Lusco Fusco conseguiu atraer a unha boa cantidade de nenos e nenas que gozaron cos xogos, maquillaxe e diversas actividades. A billarda segue a atraer a unha cantidade de xente impresionante e Xosé Collazo foi quen de organizar un aberto de billarda moi interesante. E durante todo o día moita xente puido gozar dun paseo en canoa nun entorno único.
En definitiva, unha xornada de festa familiar, unha grande romaxe ao carón do río Ladra.

IV_Festival27373-29

IV_Festival27373-9

IV_Festival27373-1

IV_Festival27373-7

IV_Festival27373-12

IV_Festival27373-18

IV_Festival27373-27

IV_Festival27373-22

IV_Festival27373-34

Podes ver todas as fotos no álbum Fotos do Festival de día en Flickr.


Deixar un comentario

Festival de día 2015, sesión vermú con Airiños da Freba

airiñosdafreba Para quen escribe estas liñas, Airiños da Freba é un dos mellores grupos de música tradicional da cidade de Lugo.

Comprometidos coa defensa do noso patrimonio cultural, cun amplísimo repertorio, festeiros e, por riba de todo, encantados de poder tocar, pretiño da xente, para verlles ben a cara de felicidade que transmiten coa súa música.

Sen dúbida, imos ter unha sesión vermú animada e con boa música para botar un pé ou dous.

 


Deixar un comentario

Sesión vermú

O día comezara un pouco gris e tristeiro, incluso, ameazaba con chover…ata que chegou a enerxía revitalizante de Bloquinho de Xermolos e coa súa forza, espantou os nubeiros e achegou a ledicia. Un pracer contar con eles nesta sesión vermú. E sen tempo para que as nubes volveran, Cans de palleiro botaron ao lonxe o mal tempo coa súa música tradicional.
¡¡A forza da música contra as inclemencias!!

bloquinho3

cans3

Un pequeno resumo da actuación de Bloquinho de Xermolos no 27373

Todas as fotos pódense ver no álbum Festival de día en Flickr


Deixar un comentario

Festival de día 2013: Sesión vermú con Arandela

arandela  Hai uns anos uns rapaciños de A Cruz do Incio iniciaron unha viaxe pola música tradicional nunhas actividades fóra da escola, unha viaxe na que seguen arreo, e que este fin de semana veñen a Begonte, para recuperar algo que nunca deberiamos ter perdido, a auténtica sesión vermú galega, Para isto que mellor que o grupo Arandela, música do país feita con ánimo de festa por cinco rapaces que empezaron hai moitos anos nisto da música tradicional e que seguen a espallar diversión, ledicia e festa, moita festa.

Arandela está formado por Breogán Rodríguez (gaita); Álvaro Moscoso (gaita); Diego Sampedro (acordeón); Asier Maceda (tamboril) e Gael Núñez (bombo).

Como mostra este vídeo dos Arandela nas festas  en Castro.


Vídeo subido por Yoli