Festival 27373

Festival de música en galego de Begonte


Deixar un comentario

Festival de día 2017: ¿Onde está o Mago Antón?


Pregunta de difícil resposta…Moito máis doada é ¿Quen é o Mago Antón? Pois, sen dúbida, é un dos persoeiros máis coñecidos de Galicia, e sobre todo, de Lugo. Naceu en Castroverde e desde moi novo interesouse polo mundo da maxia e a ventriloquía. Un dos magos máis destacados internacionalmente e levando sempre o galego como bandeira nos seus espectáculos, de aí a súa declaración como “Galego egrexio” no 2003 pola Fundación Premios de la Crítica de Galicia, en recoñecemento da súa labor de promoción da lingua e da cultura de Galicia no mundo do espectáculo.

Volvendo á pregunta do titular, o Mago Antón estará co seu magomóbil no Festival 27373, co seu novo espectáculo, no que fai un percorrido desde os seus inicios, rescatando ao mítico Facundo, e facendo novos e vellos trucos de maxia, deses que desafían a nosa orde mental. Máis dunha hora de espectáculo concibido para todo tipo de público (de todas as idades e moi axeitado para grupos familiares: netos, pais, avós…) no que se suceden a un ritmo trepidante ducias de xogos de maxia.

Esta actuación constará de tres pases, ás cinco, seis e sete da tarde e está incluída dentro do Festival 27373, grazas ao Concello de Begonte, dentro do programa Cultura no Camiño 2017 da Xunta de Galicia.