Festival 27373

Festival de música en galego de Begonte


Deixar un comentario

Festival de noite 2014: Ruxe-Ruxe

Rematamos o percorrido por tódalas actividades que tivemos no Festival 27373 co grupo que pechou a noite de concertos: Ruxe-Ruxe.

Antes de deixarvos coas fotos e o vídeo, aclarar que, por problemas na gravación, o son do vídeo de Ruxe-Ruxe non é o orixinal do concerto de Begonte e fixemos unha montaxe coas imaxes do 27373 e o son doutro directo atopado pola rede, así que pedimos desculpas por este inconvinte.

RuxeRuxe.27373-1

RuxeRuxe.27373-10

RuxeRuxe.27373-15

RuxeRuxe.27373-18

Máis fotos no álbum Festival de noite 2014 en Flickr


Deixar un comentario

O Festival de día 2014

Despois da sesión vermú, por certo, moi ben regada con cervexa artesá Aloumiña, chegou o momento dos paseos en kaiak polo río Ladra grazas ao infatigable traballo de Non Estreses, dos xantares comunitarios, das sobremesas alongadas e das actuacións e actos que tiñamos pola tarde.
Comezaron Branca e Pablo co seu obradoiro para nenos e nenas (e algún maior que se apuntou) que tivo un éxito rotundo, pois pouco a pouco se foi achegando rapazada ata lograr unha máis que respectada e respectable audiencia. No obradoiro fixeron un percorrido por esoutros instrumentos pouco coñecidos ou dos chamados pobres e conseguiron atraer a atención do público ante a variedade de cousas coas que se pode facer música ou acompañala. Remataron poñendo en práctica algunhas desas cousiñas que se foron vendo no obradoiro.

Case sen tempo de espera, comezou o espectáculo de Peter Punk, que agradou ás crianzas e encantou aos maiores con ese humor entre inocente e salvaxe que non deixa indiferente a ninguén e que conseguiu arrancar risas e aplausos a unha audiencia entregada.

Para rematar a xornada de día, nada que mellor que facelo co deporte nacional, no II Aberto de Billarda do 27373, este ano nun campo grande e nun entorno case idílico e que rexistrou unha presenza masiva de palanadores e algunha que outra valente palanadora todo baixo a atenta supervisión dos rapaces da Liga Nacional de Billarda (LNB).
Como mostra unhas fotos e un cachiño da actuación de Peter Punk.

Festivaldia430

Festivaldia434

Festivaldia437

Festivaldia441

Festivaldia439

Festivaldia516

Festivaldia462

Festivaldia608

Festivaldia573

Festivaldia483

Todas as fotos pódense ver no álbum Festival de día en Flickr.
Peter Punk facendo equilibrios chungos que te cagas

Grazas a Fina polo traballo de reporteira durante toda a xornada.


Deixar un comentario

Colaboracións

Este ano engadimos máis colaboradores ao noso festival, algo que nos encanta porque o festival, ademais de seren unha xornada de lecer e de gozar da nosa cultura en tódalas súas variantes posibles, tamén ter que servir para facer tecido asociativo e fomentar aquelas propostas, aínda que sexan comerciais, que están preto de nós. Deste xeito, ademais no Club Fluvial de Begonte, que outro ano máis confía as súas instalacións para facer unha nova edición do 27373, uníronse a estas colaboracións o colectivo Madia Leva, que repiten no 27373 para darnos de beber e comer, pero comprometidos en facer as cousas o mellor posible, con sentidiño e intentando ser consecuentes co seu xeito de ver as cousas.
O outro colaborador é a Cervexa Artesá Aloumiña, grazas a excelente química que temos co seu fundador, Alberto Curiel, este ano poderemos gozar de dúas variedades da súa excelente cervexa artesá, un xeito de darlle pulo á súa idea e de darlle un toque diferente ao noso festival.

En definitiva, tecendo redes de fíos miúdos que axuden a conformar un outro xeito de ver as cousas, fíos miúdos que, se o tempo e as circunstancias nos deixan, poderán formar grosos liames que axuden a trocar o xeito de facer ou ver as cousas. ¡Viva a utopía!


Deixar un comentario

Sesión vermú: Os Cans de Palleiro

A oferta musical vai empezar ben cedo cunha sesión vermú ao xeito antigo, con gaiteiros e música tradicional. Grazas ao programa Musiqueando da Área de Cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo poderemos gozar dunha sesión musical coa agrupación Os Cans de Palleiro de Rábade. Por desgraza, non fomos quen de atopar máis información do grupo, pero de seguro que haberemos de bailar e cantar con eles e, por suposto, tomar un vermú para ir quentando motores.


2 Comentarios

Festival de noite 2014: Ruxe-Ruxe

Pois chegamos á derradeira actuación do Festival de noite, coa banda de Aríns na comarca compostelá. Os potentes Ruxe-Ruxe serán os encargados de dar fin a esta terceira edición do Festival 27373.
A banda compostelá é unha das referencias no rock galego e en galego. Comprometidos politicamente, comprometidos na música de calidade con sentimento e sentido, comprometidos con todo tipo de causa que mereza o seu respecto.
O seu estilo un rock, con actitude punk e sen esquecer de onde veñen, dándolle esa personalidade e sonoridade galega.
Nestes dezaoito anos de Ruxe-Ruxe teñen publicado unha morea de discos: Ruxe-Ruxe (1999); Non temos medo (2000); A terra dos comentos (2002); Fervendo (2004); Comercial (2006); Xigantes (2008); Na fura de diante (2010); Máis Cancións sobre Toxos, Cardos e Silveiras (2012). Neste 2014 veñen de presentar o seu último traballo “Némesis”, presentado na sala Capitol en Compostela con enorme éxito.

Éxito que agardamos repitan no Festival 27373 de Begonte e que estendan a súa música, a súa enerxía e o seu compromiso por toda a Chaira…¡¡LUME!!

Ruxe-Ruxe “contra todo”.


Deixar un comentario

Festival de día: Peter Punk e o neno imperdible

Podemos dicir de Peter Punk que é un dos artistas galegos do momento e, sen risco a trabucarnos, un dos pallasos máis destacados do país, algo sen dúbida complicado, tal e como está o panorama político actual.
O seu traballo traspasa as fronteiras galegas e ten actuado en diferentes países, desde Brasil ou Arxentina, ata Italia ou Palestina. Con máis de novecentas actuacións nas súas costas, Peter Punk é o clown galego de referencia na actualidade.
Os seus espectáculos non deixan indiferente a ninguén, cheos de humor salvaxe, irreverente, traveso, incorrecto. O de Punk, non é unha etiqueta porque si, é algo que gaña a pulso en cada actuación.
No Festival de día vai representar o seu espectáculo, Peter Punk e o neno imperdible.

“¿Que lle ocorre a un pallaso cando se decata de que está neste mundo para algo máis que se erguer todos os días? Asústase…, e volve ser un pallaso…
Un músico e un artista de circo. Dous pallasos en constante reconciliación consigo mesmos, entre eles e co mundo enteiro. Un delirio nun monociclo pinchado. Diversión, música ao vivo, momentos de tensión e perigo. A importancia da dimensión humana e solidaria do clown de calidade…un espectáculo que a través do humor non esquece a solidariedade cos nenos e nenas, especialmente os que viven en situacións de conflito. Unha marca da compañía Peter Punk tan recoñecible como o seu humor gamberro e as risas que inundan as súas actuacións”

Queredes ver unha mostra do seu bo facer…pois teredes que vir a Begonte ao 27373 para velo…porque a Peter Punk hai que sentilo.


Deixar un comentario

Festival de noite 2014: Tiruleque


Seguimos co adianto da programación da III edición do 27373. O segundo grupo que vai tocar no Festival de noite é Tiruleque.

Hai xa doce anos, na primavera de 2002, nace o proxecto Tiruleque, como consecuencia das inquedanzas musicais de cinco rapaces, todos eles chegados do mundo da música tradicional pero coa intención de ir un pouco máis alá e ser capaces de crear un estilo propio e identificador. Outra das características do grupo é o seu marcado carácter festivo e festeiro, algo que queda claramente reflectido nas súas actuacións en directo.
Na actualidade o grupo está composto por: Antón Bueno (contrabaixo); Álex Fente (acordeón); Luís García (bombo, percusións e coros); Miguel Horjales (caixa, percusións e coros); Serxo Núñez (clarinete, gaita, percusións e voz); Fernando Román (saxo, clarinete e trompeta); José A. Vázquez (gaita, saxo e percusións).

A súa discografía está composta pola auto-produción de dous traballos. O primeiro en 2009, o homónimo “Tiruleque” e en 2013, o seu segundo disco, baixo o título “Mu!!“. Podes escoitar os dous traballos en Spotify

Nestes doce anos, Tiruleque pisou os máis importantes escenarios e festivais da música folk como, por exemplo, Ortigueira, Lorient, A Rebusca en Manzaneda, Festival do Castro e un longo etcétera. Esta mesma semana volverán ao Festival de Ortigueira participando no escenario Runas, intentando conseguir un posto no escenario grande da edición do vindeiro ano.

Unha mostra da súa música, este “Rachapistas” tocado nas festas do San Froilán en Lugo.

TIRULEQUE – Rachapistas (Festas de San Froilán 2012) from Tiruleque on Vimeo.


Deixar un comentario

Festival de día 2014: Branca Villares

10271228_755827957802492_8424190653924743577_o¡Que imos dicir nós de Branca Villares!
Quizais que troque a súa residencia e se faga cidadá chairega e se veña a vivir a Begonte.

Agora en serio, é un pracer enorme ter por segundo ano a Branca Villares no Festival de día. Unha mestra da nosa música tradicional que hai uns días triunfaba coas Eudemónicas compartindo escenario con Kepa Junquera e que no noso festival poñerá, con esa tenrura e ese bo facer que a caracteriza, a cantar e bailar aos máis pequenos. Nenos e nenas que gozarán dunha xornada arredor da nosa música e as nosas tradicións. Sen dúbida unhas das razóns para non perderse o Festival de día e unha moi boa escusa para achegarse o sábado nove ata o Club Fluvial de Begonte.

Unha lembranza do que foi o seu paso polo festival do ano pasado.