Festival 27373

Festival de música en galego de Begonte


Deixar un comentario

Festival de día 2019

Xa está aquí a oitava edición do Festival 27373 de música en galego de Begonte.
O Festival de día vai dirixido a un público infantil e familiar, fomentando o espírito das antigas romarías e con actividades e actuacións dirixidas ás familias.

Paseos en canoa

Unha das fortalezas do noso festival é a contorna onde se realiza, as marabillosas instalacións do Club Fluvial de Begonte e a preciosa contorna do río Ladra. Non se nos ocorre mellor xeito, grazas á colaboración coa empresa begontina Non estreses, de gozar desta natureza que dando un paseo en canoa e ver desde o propio río a natureza tan fermosa que temos.

Bolboreta fiandeira

Outra das actividades clásicas do festival é a presenza das amigas de Bolboreta Fiandeira, amosando as súas habilidades no fiado da la e o liño. Un pracer contar un ano máis coa súa presenza no Festival.
bolboreta_6

Sesión Vermú con A.C. Fonte de Merlán

Para rematar a mañá teremos, como sempre, unha sesión vermú moi tradicional grazas á presenza dos amigos da Asociación Cultural Fonte de Merlán que veñen desde A Ulloa grazas ao Programa Musiqueando da Deputación de Lugo. Algúns dos compoñentes son ben coñecidos nas Foliadas que organizamos ao longo do ano. Un enorme pracer telos no Festival.

Presentación dunha nova cervexa no Festival

Sabedes da nosa debilidade pola cervexa artesá. Mais aínda se está feita preto, nas instalacións dos nosos queridos amigos de Cervexa Artesá Aloumiña. Este ano ademais da, xa clásica, cervexa oficial do festival, a 27373, teremos a oportunidade de probar a nosa nova creación: “Castiñeiripa”. Unha cervexa amarga con catro maltes, tres lúpulos e un toque a lima ecolóxica da Mariña. Fixemos 40 litros, que só poderás probar no Festival.

8º Aberto de Billarda

A partir das catro da tarde arranca unha das actividades máis agardadas e que máis público atrae, o 8º Aberto de Billarda. Outro ano máis contaremos con billardeiros e billardeiras que farán zoar os paláns nas instalacións do Club Fluvial de Begonte. Un ano máis contaremos coa inestimable axuda de Chousa e Ismael de Outeiro da Asociación O Varal para levar a cabo dita actividade. Como todos os anos haberá premios para os gañadores ou gañadoras.

O Festival tamén pretende ser unha xanela para que outras organizacións poidan explicar os seus proxectos, polo que contaremos coa presenza de asociacións como Adega, Semente Lugo, Mulleres Bravas…