Festival 27373

Festival de música en galego de Begonte


Deixar un comentario

Festival de día 2019

Xa está aquí a oitava edición do Festival 27373 de música en galego de Begonte.
O Festival de día vai dirixido a un público infantil e familiar, fomentando o espírito das antigas romarías e con actividades e actuacións dirixidas ás familias.

Paseos en canoa

Unha das fortalezas do noso festival é a contorna onde se realiza, as marabillosas instalacións do Club Fluvial de Begonte e a preciosa contorna do río Ladra. Non se nos ocorre mellor xeito, grazas á colaboración coa empresa begontina Non estreses, de gozar desta natureza que dando un paseo en canoa e ver desde o propio río a natureza tan fermosa que temos.

Bolboreta fiandeira

Outra das actividades clásicas do festival é a presenza das amigas de Bolboreta Fiandeira, amosando as súas habilidades no fiado da la e o liño. Un pracer contar un ano máis coa súa presenza no Festival.
bolboreta_6

Sesión Vermú con A.C. Fonte de Merlán

Para rematar a mañá teremos, como sempre, unha sesión vermú moi tradicional grazas á presenza dos amigos da Asociación Cultural Fonte de Merlán que veñen desde A Ulloa grazas ao Programa Musiqueando da Deputación de Lugo. Algúns dos compoñentes son ben coñecidos nas Foliadas que organizamos ao longo do ano. Un enorme pracer telos no Festival.

Presentación dunha nova cervexa no Festival

Sabedes da nosa debilidade pola cervexa artesá. Mais aínda se está feita preto, nas instalacións dos nosos queridos amigos de Cervexa Artesá Aloumiña. Este ano ademais da, xa clásica, cervexa oficial do festival, a 27373, teremos a oportunidade de probar a nosa nova creación: “Castiñeiripa”. Unha cervexa amarga con catro maltes, tres lúpulos e un toque a lima ecolóxica da Mariña. Fixemos 40 litros, que só poderás probar no Festival.

8º Aberto de Billarda

A partir das catro da tarde arranca unha das actividades máis agardadas e que máis público atrae, o 8º Aberto de Billarda. Outro ano máis contaremos con billardeiros e billardeiras que farán zoar os paláns nas instalacións do Club Fluvial de Begonte. Un ano máis contaremos coa inestimable axuda de Chousa e Ismael de Outeiro da Asociación O Varal para levar a cabo dita actividade. Como todos os anos haberá premios para os gañadores ou gañadoras.

O Festival tamén pretende ser unha xanela para que outras organizacións poidan explicar os seus proxectos, polo que contaremos coa presenza de asociacións como Adega, Semente Lugo, Mulleres Bravas…

Advertisement


1 comentario

Festival de día 2018

Comezamos a debullar o que vai ser a sétima edición do Festival 27373 de música en galego de Begonte.
O Festival de día vai dirixido a un público infantil e familiar, fomentando o espírito das antigas romarías e con actividades e actuacións dirixidas ao goce en familia.

Paseos en kaiaks

Unha das fortalezas do noso festival é a contorna onde se realiza, as marabillosas instalacións do Club Fluvial de Begonte e a preciosa contorna do río Ladra. Non se nos ocorre mellor xeito, grazas á colaboración coa empresa begontina Non estreses, de gozar desta natureza que dando un paseo en canoa e ver desde o propio río a natureza tan fermosa que temos.

Bolboreta fiandeira

Outra das actividades clásicas do festival é a presenza das amigas de Bolboreta Fiandeira, amosando as súas habilidades no fiado da la e o liño. Un pracer contar un ano máis coa súa presenza no Festival.

Sesión Vermú con A.C. Río Miño

Para rematar a mañá contamos cunha apetecible sesión vermú que correrá a cargo da Asociación Cultural Río Miño de Portomarín dedicada a recuperar a música e o baile tradicional.
Aquí unha pequena mostra, algo antiga, do que fan.

Presentación da cervexa do Festival

E nada mellor que tomar a cervexa oficial do Festival para redondear esta prometedora mañá. A Festival 27373 é unha cervexa de trigo, con laranxa e coriandro, de sabor suave e cítrico e moi, moi refrescante, ideal para eses días calorosos do verán. Unha nova colaboración co noso mestre cervexeiro particular, Alberto Curiel de Cervexa Artesá Aloumiña.

7º Aberto de Billarda

A partir das cinco da tarde arranca unha das actividades máis agardadas e que máis público atrae é o Aberto de Billarda, un ano máis contaremos con billardeiros e billardeiras que farán zoar os paláns nas instalacións do Club Fluvial de Begonte. Un ano máis contaremos coa inestimable axuda de Chousa e Ismael de Outeiro da Asociación O Varal para levar a cabo dita actividade.

Colorín Colorado

Tamén ás cinco da tarde a asociación vilalbesa Colorín Colorado vai facer actividades para nenos e nenas. Unha das actividades será a dos xogos populares nas que os máis cativ*s aprenderán a xogar con cousas básicas, sinxelas pero moi divertidas, e despois de tanta actividade, algo máis relaxado como un pequeno obradoiro de arxila, para aprender a traballar coas mans e desenrolar a imaxinación.


Deixar un comentario

Festival de día 2017: Bolboreta Fiandeira


Outra das actividades clásicas do Festival 27373, a presenza das mulleres e homes da Asociación Bolboreta Fiandeira, coa súa labor de recuperar os vellos oficios do fiado da la e sempre acompañadas da nosa música popular. Unha conxunción que, a nós, fáisenos irresistible.
Bolboreta Fiandeira é unha asociación cultural, sen animo de lucro, feita para recuperar o vello oficio de fiar a la e o liño que, ademais, conta cun grupo de música e canto tradicional.


Deixar un comentario

Festival de día 2016: Bolboreta Fiandeira

Bolboreta Fiandeira

O ano pasado, elas quedaron encantadas co noso festival e nós con elas, así que non quedaba outra que repetir experiencia. Bolboreta Fiandeira é unha asociación cultural, sen animo de lucro, feita para recuperar o vello oficio de fiar a lá e o liño que, ademais, conta cun grupo de música e canto tradicional. Un pracer enorme contar con elas no noso festival.
 

IV_Festival27373-16//


Deixar un comentario

Fotos do Festival de día 2015

Marabilloso o Festival de día deste 2015. Comezamos coa chegada dos artesáns e da AC Bolboreta Fiandeira que puxeron o listón ben alto coa súa arte no fiado acompañadas de boa música tradicional. Seguimos cunha sesión vermú memorable, cuns Airiños da Freba pletóricos que conseguiron poñer a bailar a máis de un, dentro e fóra da barra do Bar do Castiñeiro, incluso chegaron ata facer unha sesión post-vermú… Pola tarde a AC Lusco Fusco conseguiu atraer a unha boa cantidade de nenos e nenas que gozaron cos xogos, maquillaxe e diversas actividades. A billarda segue a atraer a unha cantidade de xente impresionante e Xosé Collazo foi quen de organizar un aberto de billarda moi interesante. E durante todo o día moita xente puido gozar dun paseo en canoa nun entorno único.
En definitiva, unha xornada de festa familiar, unha grande romaxe ao carón do río Ladra.

IV_Festival27373-29

IV_Festival27373-9

IV_Festival27373-1

IV_Festival27373-7

IV_Festival27373-12

IV_Festival27373-18

IV_Festival27373-27

IV_Festival27373-22

IV_Festival27373-34

Podes ver todas as fotos no álbum Fotos do Festival de día en Flickr.


Deixar un comentario

Festival de día 2015: Bolboreta Fiandeira

tarxeta Nesta cuarta edición, imos contar coa Asociación Cultural Bolboreta Fiandeira, un colectivo que intenta recuperar un dos oficios tradicionais como era o fiado e cardado da la.

Ademais das demostracións de fiado e obradoiros acompañarán a súa actividade con música tradicional, non se pode pedir máis.

 

IMG-20150714-WA0007