Festival 27373

Festival de música en galego de Begonte


Deixar un comentario

Festival de día 2019

Xa está aquí a oitava edición do Festival 27373 de música en galego de Begonte.
O Festival de día vai dirixido a un público infantil e familiar, fomentando o espírito das antigas romarías e con actividades e actuacións dirixidas ás familias.

Paseos en canoa

Unha das fortalezas do noso festival é a contorna onde se realiza, as marabillosas instalacións do Club Fluvial de Begonte e a preciosa contorna do río Ladra. Non se nos ocorre mellor xeito, grazas á colaboración coa empresa begontina Non estreses, de gozar desta natureza que dando un paseo en canoa e ver desde o propio río a natureza tan fermosa que temos.

Bolboreta fiandeira

Outra das actividades clásicas do festival é a presenza das amigas de Bolboreta Fiandeira, amosando as súas habilidades no fiado da la e o liño. Un pracer contar un ano máis coa súa presenza no Festival.
bolboreta_6

Sesión Vermú con A.C. Fonte de Merlán

Para rematar a mañá teremos, como sempre, unha sesión vermú moi tradicional grazas á presenza dos amigos da Asociación Cultural Fonte de Merlán que veñen desde A Ulloa grazas ao Programa Musiqueando da Deputación de Lugo. Algúns dos compoñentes son ben coñecidos nas Foliadas que organizamos ao longo do ano. Un enorme pracer telos no Festival.

Presentación dunha nova cervexa no Festival

Sabedes da nosa debilidade pola cervexa artesá. Mais aínda se está feita preto, nas instalacións dos nosos queridos amigos de Cervexa Artesá Aloumiña. Este ano ademais da, xa clásica, cervexa oficial do festival, a 27373, teremos a oportunidade de probar a nosa nova creación: “Castiñeiripa”. Unha cervexa amarga con catro maltes, tres lúpulos e un toque a lima ecolóxica da Mariña. Fixemos 40 litros, que só poderás probar no Festival.

8º Aberto de Billarda

A partir das catro da tarde arranca unha das actividades máis agardadas e que máis público atrae, o 8º Aberto de Billarda. Outro ano máis contaremos con billardeiros e billardeiras que farán zoar os paláns nas instalacións do Club Fluvial de Begonte. Un ano máis contaremos coa inestimable axuda de Chousa e Ismael de Outeiro da Asociación O Varal para levar a cabo dita actividade. Como todos os anos haberá premios para os gañadores ou gañadoras.

O Festival tamén pretende ser unha xanela para que outras organizacións poidan explicar os seus proxectos, polo que contaremos coa presenza de asociacións como Adega, Semente Lugo, Mulleres Bravas…

Advertisement


1 comentario

Festival de día 2018

Comezamos a debullar o que vai ser a sétima edición do Festival 27373 de música en galego de Begonte.
O Festival de día vai dirixido a un público infantil e familiar, fomentando o espírito das antigas romarías e con actividades e actuacións dirixidas ao goce en familia.

Paseos en kaiaks

Unha das fortalezas do noso festival é a contorna onde se realiza, as marabillosas instalacións do Club Fluvial de Begonte e a preciosa contorna do río Ladra. Non se nos ocorre mellor xeito, grazas á colaboración coa empresa begontina Non estreses, de gozar desta natureza que dando un paseo en canoa e ver desde o propio río a natureza tan fermosa que temos.

Bolboreta fiandeira

Outra das actividades clásicas do festival é a presenza das amigas de Bolboreta Fiandeira, amosando as súas habilidades no fiado da la e o liño. Un pracer contar un ano máis coa súa presenza no Festival.

Sesión Vermú con A.C. Río Miño

Para rematar a mañá contamos cunha apetecible sesión vermú que correrá a cargo da Asociación Cultural Río Miño de Portomarín dedicada a recuperar a música e o baile tradicional.
Aquí unha pequena mostra, algo antiga, do que fan.

Presentación da cervexa do Festival

E nada mellor que tomar a cervexa oficial do Festival para redondear esta prometedora mañá. A Festival 27373 é unha cervexa de trigo, con laranxa e coriandro, de sabor suave e cítrico e moi, moi refrescante, ideal para eses días calorosos do verán. Unha nova colaboración co noso mestre cervexeiro particular, Alberto Curiel de Cervexa Artesá Aloumiña.

7º Aberto de Billarda

A partir das cinco da tarde arranca unha das actividades máis agardadas e que máis público atrae é o Aberto de Billarda, un ano máis contaremos con billardeiros e billardeiras que farán zoar os paláns nas instalacións do Club Fluvial de Begonte. Un ano máis contaremos coa inestimable axuda de Chousa e Ismael de Outeiro da Asociación O Varal para levar a cabo dita actividade.

Colorín Colorado

Tamén ás cinco da tarde a asociación vilalbesa Colorín Colorado vai facer actividades para nenos e nenas. Unha das actividades será a dos xogos populares nas que os máis cativ*s aprenderán a xogar con cousas básicas, sinxelas pero moi divertidas, e despois de tanta actividade, algo máis relaxado como un pequeno obradoiro de arxila, para aprender a traballar coas mans e desenrolar a imaxinación.


Deixar un comentario

Festival de día 2017: Sesión Vermú (ou “beermu”) con Son de Lugh e Aloumiña


Son de Lugh é un grupo formado alá polo 2013, cunha implicación especial en poñer a nosa música tradicional en festas de recreación histórica ou castrexa. As súas gañas de festa son moi contaxiosas, así que ídevos preparando porque non imos parar de bailar na sesión Vermú. Esta actuación está dentro do Programa Musiqueando pola provincia de Lugo da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

Sesión Vermú ou beermú se decidides acompañala cunha boa cervexa artesá de Lugo, grazas á colaboración de Aloumiña, que un ano máis estará dando de beber aos sedentos e sedentas do Festival. Ademais, este ano teremos unha grande sorpresa: a presentación dunha nova cervexa, exclusiva do Festival 27373, grazas á colaboración de Aloumiña e Castiñeiro Milenario. Unha cervexa de trigo e laranxa, lixeira e moi fresquiña, ideal para un día como o do Festival 27373.


Deixar un comentario

Festival de día 2016: Sesión Vermú (beermú) con Pingarela e Aloumiña

Pingarela é un grupo que fai música tradicional, cun repertorio, fundamentalmente, baseado en pezas da provincia de Lugo e tamén de autores que crearon música para este tipo de formacións.
Os compoñentes de Pingarela son ben coñecidos na música tradicional da provincia, pois todos eles forman parte do grupo Os Miñotos, que xa tivemos a honra de ter noso festival en edicións anteriores. Carme, Xaneco, Vítor e Alberto vannos facer bailar na sesión Vermú gracias ao Programa Musiqueando pola provincia de Lugo da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

Sesión Vermú ou beermú se decidides acompañala cunha boa cervexa artesá de Lugo, grazas á colaboración de Aloumiña, que una no máis estará dando de beber aos sedentos e sedentas do Festival.

pingarela

IV_Festival27373-21


Deixar un comentario

O Festival de día 2014

Despois da sesión vermú, por certo, moi ben regada con cervexa artesá Aloumiña, chegou o momento dos paseos en kaiak polo río Ladra grazas ao infatigable traballo de Non Estreses, dos xantares comunitarios, das sobremesas alongadas e das actuacións e actos que tiñamos pola tarde.
Comezaron Branca e Pablo co seu obradoiro para nenos e nenas (e algún maior que se apuntou) que tivo un éxito rotundo, pois pouco a pouco se foi achegando rapazada ata lograr unha máis que respectada e respectable audiencia. No obradoiro fixeron un percorrido por esoutros instrumentos pouco coñecidos ou dos chamados pobres e conseguiron atraer a atención do público ante a variedade de cousas coas que se pode facer música ou acompañala. Remataron poñendo en práctica algunhas desas cousiñas que se foron vendo no obradoiro.

Case sen tempo de espera, comezou o espectáculo de Peter Punk, que agradou ás crianzas e encantou aos maiores con ese humor entre inocente e salvaxe que non deixa indiferente a ninguén e que conseguiu arrancar risas e aplausos a unha audiencia entregada.

Para rematar a xornada de día, nada que mellor que facelo co deporte nacional, no II Aberto de Billarda do 27373, este ano nun campo grande e nun entorno case idílico e que rexistrou unha presenza masiva de palanadores e algunha que outra valente palanadora todo baixo a atenta supervisión dos rapaces da Liga Nacional de Billarda (LNB).
Como mostra unhas fotos e un cachiño da actuación de Peter Punk.

Festivaldia430

Festivaldia434

Festivaldia437

Festivaldia441

Festivaldia439

Festivaldia516

Festivaldia462

Festivaldia608

Festivaldia573

Festivaldia483

Todas as fotos pódense ver no álbum Festival de día en Flickr.
Peter Punk facendo equilibrios chungos que te cagas

Grazas a Fina polo traballo de reporteira durante toda a xornada.