Festival 27373

Festival de música en galego de Begonte


Deixar un comentario

Festival de noite 2019

Comezamos a contarvos as actuacións que van ter lugar no Festival de noite 2019.

Teatro de Marionetas Trécola

A compañía de Teatro de Marionetas Trécola naceu como compañía no ano 1981 fundada por Fernanda Cabrera, unha das persoas máis influíntes na recuperación dos monicreques na escena galega. Trala súa morte, o seu fillo tomou o relevo da compañía que hoxe dirixe xunto a Isabel García Coldeira. Un dos fins da compañía é darlle a categoría artística que merecen os títeres como ferramenta dentro da dramaturxia. Na actualidade está afincada na localidade lucense de Pol e é unha vella coñecida para Castiñeiro Milenario, pois trouxo a Begonte un bo feixe das súas obras.
Para o Festival 27373 van traer a súa obra “Tolitates”. Un espectáculo de pequeno formato baseado na personaxe de Tolitates que movido por unha atracción, se cadra, máis tola que el, sáltase todas os sinais de perigo e escapa da cordura, sen pensar que sempre pode haber alguén máis transgresor que el. Un persoeiro que irá atopando situacións e personaxes absurdos que van loitar polo protagonismo nas táboas do escenario. Diferentes técnicas acompañan o espectáculo, como monicreques con fíos, obxectos, bunraku ou guiñol. Un espectáculo dirixido a un público infantil e familiar.
Esta actuación de Marionetas Trécola chega grazas á colaboración do Concello de Begonte co Festival 27373.

Lagharteiras

A música máis tradicional vai estar representada este ano por un grupo de mozas que chegan desde o concello de Mos. Un dos grupos de cantareiras máis interesantes dentro do panorama tradicional que xurdiu no 2007, co obxectivo principal de compilar, conservar e divulgar as músicas, cantos, instrumentos e vestiario tradicional galego. Desde o ano 2010 son a Asociación Cultural Folclórica As Lagharteiras. No 2016 presentaron o seu primeiro disco, titulado igual que o nome do grupo.
Gañadoras de multitude de premios tanto polo seu bo facer cantando como polos marabillosos traxes tradicionais que locen como podedes ver no seguinte vídeo e que teremos a sorte de poder gozar en directo no Festival 27373. As Lagharteiras no LUAR, Riscada e maneo de Anxeriz.

Filophóbicas

Un dos grupos “locais” desta edición de 2019 xa que teñen o seu local de ensaio en Illoi, preto de Saavedra. Filophóbicas é un trío de punk-rock, de letras reivindicativas e cun directo festeiro e potente. Formado no ano 2016 os tres compoñentes son Fran López (Voz e guitarra);Nando Brocos (Guitarra e coros) e Bubi Vidal (Percusión e coros).
Teñen unha maqueta gravada que podes escoitar íntegra no seguinte vídeo.

O Puto Coro do Exército Froilanista

Énchenos de orgullo e satisfazón presenta o que posivelmente seja o único grupo do mundo que fai monarco-punk. Unha vaga de punk, retranca, humor políticamnete incorrecto e unha chea de adxectivos máis que lle poderiamos poñer, mais o verdadeiramente importante é a súa música, a súa actitude e a súa presenza, por primeira vez, o exército froilanista chega a unha das cidades claves de todo o seu movemento, por algo Froilán é I de Begonte.

Gora Froilán by O Puto Coro do Exército Froilanista from Partido Froilanista on Vimeo.

Advertisement


Deixar un comentario

Festival de día 2019

Xa está aquí a oitava edición do Festival 27373 de música en galego de Begonte.
O Festival de día vai dirixido a un público infantil e familiar, fomentando o espírito das antigas romarías e con actividades e actuacións dirixidas ás familias.

Paseos en canoa

Unha das fortalezas do noso festival é a contorna onde se realiza, as marabillosas instalacións do Club Fluvial de Begonte e a preciosa contorna do río Ladra. Non se nos ocorre mellor xeito, grazas á colaboración coa empresa begontina Non estreses, de gozar desta natureza que dando un paseo en canoa e ver desde o propio río a natureza tan fermosa que temos.

Bolboreta fiandeira

Outra das actividades clásicas do festival é a presenza das amigas de Bolboreta Fiandeira, amosando as súas habilidades no fiado da la e o liño. Un pracer contar un ano máis coa súa presenza no Festival.
bolboreta_6

Sesión Vermú con A.C. Fonte de Merlán

Para rematar a mañá teremos, como sempre, unha sesión vermú moi tradicional grazas á presenza dos amigos da Asociación Cultural Fonte de Merlán que veñen desde A Ulloa grazas ao Programa Musiqueando da Deputación de Lugo. Algúns dos compoñentes son ben coñecidos nas Foliadas que organizamos ao longo do ano. Un enorme pracer telos no Festival.

Presentación dunha nova cervexa no Festival

Sabedes da nosa debilidade pola cervexa artesá. Mais aínda se está feita preto, nas instalacións dos nosos queridos amigos de Cervexa Artesá Aloumiña. Este ano ademais da, xa clásica, cervexa oficial do festival, a 27373, teremos a oportunidade de probar a nosa nova creación: “Castiñeiripa”. Unha cervexa amarga con catro maltes, tres lúpulos e un toque a lima ecolóxica da Mariña. Fixemos 40 litros, que só poderás probar no Festival.

8º Aberto de Billarda

A partir das catro da tarde arranca unha das actividades máis agardadas e que máis público atrae, o 8º Aberto de Billarda. Outro ano máis contaremos con billardeiros e billardeiras que farán zoar os paláns nas instalacións do Club Fluvial de Begonte. Un ano máis contaremos coa inestimable axuda de Chousa e Ismael de Outeiro da Asociación O Varal para levar a cabo dita actividade. Como todos os anos haberá premios para os gañadores ou gañadoras.

O Festival tamén pretende ser unha xanela para que outras organizacións poidan explicar os seus proxectos, polo que contaremos coa presenza de asociacións como Adega, Semente Lugo, Mulleres Bravas…