Festival 27373

Festival de música en galego de Begonte


Deixar un comentario

Fotos: Aberto de billarda 2017

O Aberto de Billarda consolídase como unha das atraccións do Festival 27373. Nesta ocasión participaron máis de corenta persoas e estivo marabillosamente organizada por Victor Chousa, Manuel Chousa e Ismael de Outeiro e ben fotografiada por Gude do lugar.
@a gañadores foron, no terceiro posto a socia de Castiñeiro Milenario Vanessa Piñeiro, no segundo Cacharrón e o gañador foi Ismael de Outeiro.

Temos que agradecer a labor incansable dos Chousa e Ismael na arbitraxe e a participación de tantos e tantas xogadoras.

VI Festival 27373 2017

VI Festival 27373 2017

VI Festival 27373 2017

VI Festival 27373 2017

VI Festival 27373 2017

VI Festival 27373 2017

Podes ver máis fotos no álbum publicado no noso Flickr: Festival 27373

Advertisement


Deixar un comentario

Festival de día 2017: ¿Onde está o Mago Antón?


Pregunta de difícil resposta…Moito máis doada é ¿Quen é o Mago Antón? Pois, sen dúbida, é un dos persoeiros máis coñecidos de Galicia, e sobre todo, de Lugo. Naceu en Castroverde e desde moi novo interesouse polo mundo da maxia e a ventriloquía. Un dos magos máis destacados internacionalmente e levando sempre o galego como bandeira nos seus espectáculos, de aí a súa declaración como “Galego egrexio” no 2003 pola Fundación Premios de la Crítica de Galicia, en recoñecemento da súa labor de promoción da lingua e da cultura de Galicia no mundo do espectáculo.

Volvendo á pregunta do titular, o Mago Antón estará co seu magomóbil no Festival 27373, co seu novo espectáculo, no que fai un percorrido desde os seus inicios, rescatando ao mítico Facundo, e facendo novos e vellos trucos de maxia, deses que desafían a nosa orde mental. Máis dunha hora de espectáculo concibido para todo tipo de público (de todas as idades e moi axeitado para grupos familiares: netos, pais, avós…) no que se suceden a un ritmo trepidante ducias de xogos de maxia.

Esta actuación constará de tres pases, ás cinco, seis e sete da tarde e está incluída dentro do Festival 27373, grazas ao Concello de Begonte, dentro do programa Cultura no Camiño 2017 da Xunta de Galicia.


Deixar un comentario

Festival de día 2017: Aberto de billarda

Un ano máis o Aberto de Billarda do Festival 27373 será un dos pratos fortes e unha das actividades que máis público atrae. Outro ano máis e grazas a O Varal, e sobre todo, grazas á  disposición e o bo facer do gran Victor Chousa, a billarda estará presente no Festival como un evento propio.


Deixar un comentario

Festival de noite 2017: Airiños da Freba


Os Airiños da Freba, ou na súa versión máis ampla como Frebudos/as, xa pasaron polo noso festival hai un par de anos. Naquela ocasión, amenizando unha sesión vermú inesquecible.

Airiños da Freba fundouse no ano 2012 como asociación cultural e grupo musical coa fin de investigar e divulgar a música tradicional da provincia de Lugo, inspirada nos cuartetos, quintetos e pequenas orquestiñas que animaban as nosas festas nos anos 40 e 50. Nesta actividade de investigación e búsqueda do contacto directo con músicos tradicionais coñecen e descubren un boa parte do repertorio de gaiteiros da provincia de Lugo, pezas pensadas para sacar á xente a bailar e gozar dunha verbena á galega.

O grupo está formado por Rebeca Tallón ao bombo con pratos; Victor Manuel Villamor, á gaita; Luis Quintana ao saxo soprano; José Antonio Rodríguez, Josiño, ao clarinete; José Manuel Díaz, Barbeiro, ao acordeón e Daniel Carballo, Maka, á voz e percusións.

Estes últimos meses o grupo ten unha actividade frenética polos torreiros do País presentando o seu recén estreado traballo “O’de Lacón“. Un traballo fermoso para botarse a bailar no torreiro no que van convertir o escenario do Festival 27373.

Co seu recén estreado videoclip, O estraperlista, deixamos o repaso ao Festival 2017.

O ESTRAPERLISTA from MT Producciones on Vimeo.


Deixar un comentario

Festival de noite 2017: Young Murajazz Big Band

Vai ser a primeira vez que o jazz soe nos escenarios do Festival 27373. Se cadra, é un estilo complicado de axustar dentro dun festival de música en galego, pero sendo esta banda xuvenil un dos escasos exemplos deste tipo de formacións en Galicia e estando formada por xoves da contorna, houbo poucas dúbidas de intentar traer a Young Murajazz Big Band ao Festival 27373. Esas poucas dúbidas desapareceron, completamente, ao escoitar a esta banda en directo, cun son rotundo e unha escolla de pezas moi axeitada.

A banda xuvenil xurde dentro das Escolas de Música de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei, no ano 2014. Trátase da primeira formación luguesa formada de xeito íntegro por mozos e mozas intérpretes, completando así a formación clásica de Big Band. Pese á súa breve traxectoria, xa ten actuado en diversos festivais, como o veterano Festival de Jazz “Cidade de Lugo”, en diversos concellos da provincia, reiteradas celebracións do día Mundial do Jazz, cursos de improvisación e dentro do programa Musiqueando, da Deputación Provincial de Lugo, obtendo gran éxito entre o público. A Música que interpreta a banda, dirixida por Álex Troya, vai desde o swing máis clásico ata versións de temas moi coñecidos do noso tempo.


Deixar un comentario

Festival de noite 2017: Ezetaerre


En xuño de 2015, tres mozos que estudaban Ciencias da Comunicación na Coruña xuntáronse para facer un rap contra a fusión de facultades na Coruña, a cousa seica funcionou e de aí xurdiu a idea de montar un grupo: Ezetaerre, formado por Garchu (Miguel García), Pirola (Juan Pirola) e Petrowski (Pedro Iglesias), levan unha curta traxectoria pero dando axiña moitos pasos importantes. Unha maqueta en 2016, gañan o III Premio Revenidas de Música Emerxente e tocan no Festival ese mesmo ano e en 2017 sacan o seu primeiro disco co título “Aspiracións mínimas e urxentes“, facendo historia na música galega ao sacar, á vez, un disco e os vídeos que acompañan a todas as cancións.

Ezetaerre fai un rap loitador e combativo, en galego e reivindicativo. Veñen ao Festival 27373 a presentar o seu primeiro traballo e o Festival volve a recuperar o xénero do rap desde aquela primeira edición onde Os labregos conquistaran Begonte.

Aí quedan un par de pezas, o primeiro o jit da tempada, un lema co que coincidimos plenamente, Non é verán de Estrella Damm; o segundo, o tema titulado A herdanza do tempo.


Deixar un comentario

Festival de día 2017: Sesión Vermú (ou “beermu”) con Son de Lugh e Aloumiña


Son de Lugh é un grupo formado alá polo 2013, cunha implicación especial en poñer a nosa música tradicional en festas de recreación histórica ou castrexa. As súas gañas de festa son moi contaxiosas, así que ídevos preparando porque non imos parar de bailar na sesión Vermú. Esta actuación está dentro do Programa Musiqueando pola provincia de Lugo da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

Sesión Vermú ou beermú se decidides acompañala cunha boa cervexa artesá de Lugo, grazas á colaboración de Aloumiña, que un ano máis estará dando de beber aos sedentos e sedentas do Festival. Ademais, este ano teremos unha grande sorpresa: a presentación dunha nova cervexa, exclusiva do Festival 27373, grazas á colaboración de Aloumiña e Castiñeiro Milenario. Unha cervexa de trigo e laranxa, lixeira e moi fresquiña, ideal para un día como o do Festival 27373.


Deixar un comentario

Festival de día 2017: Bolboreta Fiandeira


Outra das actividades clásicas do Festival 27373, a presenza das mulleres e homes da Asociación Bolboreta Fiandeira, coa súa labor de recuperar os vellos oficios do fiado da la e sempre acompañadas da nosa música popular. Unha conxunción que, a nós, fáisenos irresistible.
Bolboreta Fiandeira é unha asociación cultural, sen animo de lucro, feita para recuperar o vello oficio de fiar a la e o liño que, ademais, conta cun grupo de música e canto tradicional.