Comezamos a contarvos as actuacións que van ter lugar no Festival de noite 2018.
Migallas
A compañía pontevedresa Migallas Teatro foi constituída como compañía profesional no ano 1996 aínda que como grupo afeccionado a súa creación data de 1992. Os seus espectáculos teñen un carácter humorístico e están baseados na visión irónica da realidade máis próxima, facendo un teatro comprensible, crítico e divertido sen descoidar, como é obvio, a interpretación e a posta en escena. Migallas Teatro ten na actualidade espectáculos para público familiar e espectáculos para público adulto e dende o ano 1996 teñen realizado unha media de 70 representacións por ano o que suma unhas 500 actuacións como compañía profesional. Ademais da montaxe de espectáculos teatrais e de contacontos realizan talleres de expresión dramática a través de concellos, asociacións e colexios. Na cidade de Pontevedra coordinan desde hai máis de 6 anos os obradoiros de expresión dramática dirixidos a rapaces e rapazas de entre 4 e 14 anos que desenvolve o Concello daquela localidade.
Para o Festival 27373 van traer a súa obra “Merenda con pan de millo”. Un espectáculo de pequeno formato baseado no Libro-disco Pan de millo, editado pola Editorial Kalandraka e coa produción musical a cargo de Paulo Nogueira e Magoia Bodega, do grupo Treixadura. Nel combínanse cancións e narración oral, co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor. Os temas musicais que se interpretan son: “Pinocho”, “Pan de millo”, “O piollo e a pulga”, “Unha vella tiña un can”, “Que cousa, cousiña é?” e “Miña “Abuela Manuela”. A música está gravada (toca unha banda de pulgas) mais as voces solistas son en vivo.
Esta actuación de Migallas chega grazas á colaboración do Concello de Begonte co Festival 27373.
Os Carecos
A música máis tradicional vai estar representada este ano por un grupo de rapaces que chegan dende a zona de Ortegal, un dos grupos máis interesantes dentro do panorama tradicional, un grupo de cantareiros e pandereteiros co único obxectivo de amosar a súa paixón polo folclore galego e a nosa música. Os carecos son Samuel Ramos, Diego e Cristovo Chao, Carlos e Javi Cheda. Pero ademais, Os Carecos teñen unha forte compromiso solidario e organizan en setembro o Serán Careco Solidario, un evento para recadar fondos para asociacións relacionadas con enferm@s de cancro, unha enfermidade que por desgraza, tocoulles moi preto.
Así que estes rapaces que cantan como os anxos e son solidarios a tope estarán na sétima edición de Festival 27373 de música en galego.
Cuarta Xusta
O seu lema musical é “Berrar con música as inxustizas que nos rodean“, así que o rock combativo e social chega este ano da man do grupo de Melide, Cuarta Xusta.
O grupo xorde a comezos do ano 2016 como resultado da paixón pola música dos seus integrantes, comezan a súa andaina versionando temas de grupos coñecidos e sobe por primeira vez ós escenarios no Festival Presume de Galego do mesmo ano, aínda que neste momento os instrumentos que se atopaban na banda difiren dos da actualidade, xa que as guitarras eran acústicas e non había nin baixo nin batería.
Foi a partires deste momento cando o grupo comeza a traballar para compoñer temas propios que parten das inquedanzas que afectan á nosa sociedade e sempre na nosa lingua. Ademais disto, tamén comezaron os cambios a nivel instrumental introducindo xa batería. A finais deste mesmo ano prodúcese outro gran cambio a nivel instrumental coa introdución de baixo e cambiando as guitarras acústicas polas eléctricas.
No 2017 a banda segue a súa andaina musical participando en festivais como o Kurrala Rock, así como dando concertos varios e compartindo escenario con outros grupos do panorama galego como Superoito ou Zënzar, cuxo vocalista interpretou un tema con Cuarta Xusta no Festival Presume de Galego. A finais deste mesmo ano comeza a preparación para a gravación do seu primeiro traballo discográfico Un novo espertar, a cal se levou a cabo durante o mes de xaneiro do 2018 en Arzúa por Paco Cerdeira. Este foi presentado o 10 de marzo e inclúe oito temas propios que seguen unha marcada liña social e conta con grandes colaboracións do eido musical galego.
Cuarta Xusta son Aida López (cantante), Marta Sánchez (guitarra e violín), Lúa Aguete (batería), Alberto García (guitarra) e Alba Vilariño (baixo) e veñen a presentar o seu primeiro disco “Un novo despertar”.
Berta Franklin
Sempre intentamos dar cabida a grupos preto de Begonte, ben da Terra Cha ou de Lugo, pero si un dos compoñentes é de Begonte xa non hai discusión. Se ademais ese compoñente é Marcos Vigo (o deseñador do 27373) e ademais forma parte dun grupazo como este, non había ningunha dúbida de que Berta Franklin tiña que estar nesta edición do Festival 27373.
Berta Franklin é unha banda Luguesa que fusiona soul e rock como principais elementos de inspiración pero sen pechar portas a ningunha influencia e intentando ser orixinais á hora de crear. Melodías harmoniosas,sons moi coidados e detallistas na produción. O idioma nas nosas letras é o galego sendo así este un motivo máis de ilusión por facelo grande e elegante. As letras tratan de relacións persoais dende un punto de vista escuro e íntimo. A posta en escena é moi coidada e o son, potente pretendendo ser unha experiencia para o espectador en todos os sentidos tanto visual coma sonora.
Berta Franklin son: Marcos Vigo (voz e guitarra), Jesús Iglesias (guitarra), César López (baixo), Simón Cuba (batería) e Juan Castro (teclados) e veñen a presentar o seu primeiro EP que podes escoitar de balde na súa páxina en Bandcamp.
Pingback: 7ª Edición do festival 27373 de música en galego | Castiñeiro Milenario