Podemos dicir de Peter Punk que é un dos artistas galegos do momento e, sen risco a trabucarnos, un dos pallasos máis destacados do país, algo sen dúbida complicado, tal e como está o panorama político actual.
O seu traballo traspasa as fronteiras galegas e ten actuado en diferentes países, desde Brasil ou Arxentina, ata Italia ou Palestina. Con máis de novecentas actuacións nas súas costas, Peter Punk é o clown galego de referencia na actualidade.
Os seus espectáculos non deixan indiferente a ninguén, cheos de humor salvaxe, irreverente, traveso, incorrecto. O de Punk, non é unha etiqueta porque si, é algo que gaña a pulso en cada actuación.
No Festival de día vai representar o seu espectáculo, Peter Punk e o neno imperdible.
“¿Que lle ocorre a un pallaso cando se decata de que está neste mundo para algo máis que se erguer todos os días? Asústase…, e volve ser un pallaso…
Un músico e un artista de circo. Dous pallasos en constante reconciliación consigo mesmos, entre eles e co mundo enteiro. Un delirio nun monociclo pinchado. Diversión, música ao vivo, momentos de tensión e perigo. A importancia da dimensión humana e solidaria do clown de calidade…un espectáculo que a través do humor non esquece a solidariedade cos nenos e nenas, especialmente os que viven en situacións de conflito. Unha marca da compañía Peter Punk tan recoñecible como o seu humor gamberro e as risas que inundan as súas actuacións”
Queredes ver unha mostra do seu bo facer…pois teredes que vir a Begonte ao 27373 para velo…porque a Peter Punk hai que sentilo.